O
venres previo á Semana Santa celebra a Igrexa a advocación da Dolorosa, o día
das Dores, da nai atravesada polo coitelo da dor. Pero neste caderno non imos
falar desa dor senón da que, segundo nos contan, provocou esta imaxe que
atopamos en Coristanco, no valado dunha casa e da que nos falaron os veciños
coma quen conta unha lenda.
Dinnos que cando un paisano do
lugar estaba próximo a marchar para a emigración, pola segunda metade do século
XIX, encontrou unha especie de pelouro a medio enterrar na finca onde
traballaba, e colléndoo fitouno e presentiu nel unha figura a medio facer,
algo que tanto podía ser un ídolo dos castrexos gastado polo tempo ou a obra empezada e non rematada por algún pastor para ir matando o tempo, polo que decidiu acabar de darlle forma.
E tal vez influenciado pola dor e a incerteza que a próxima marcha lle traía, o
paisano deixou na imaxe a figura dunha muller triste, que a alguén se lle
antollou dicir que era a dunha nai cargada de dor, que só lle faltaba o coitelo
para ser unha Virxe dos Dores. E púxolle o coitelo, ese doloroso puñal cravado
no peito como final da súa obra.
Mais, aínda que para todos era a imaxe dunha
Virxe, para el, aló no outro lado do mar, a figura permaneceu na súa memoria
como a lembranza de súa nai no momento da partida, e a quen nunca máis volveu
ver.
E cando o home xa era vello, e as
primeiras cámara fotográficas empezaban a recoller a memoria das cousas,
pediulle os familiares da terra unha foto desta figura, que lle ensinaba ós
netos, por se algunha vez volvían pola terra, para que soubesen onde era a casa
matriz:
-Aí
onde miña nai segue agardando por min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario