xoves, 10 de abril de 2014

O CAPITÁN NEMO E EU


Por Pepe de Rocaforte
    
        Durante moitos anos merquei libros que logo, por unha razón ou por outra, que­daban abandonados nos estantes. Agora vaime sendo tempo de os ler se non quero deixalos sen tocar para o resto da miña vida. Así, con moito retraso respecto á data de publicación, boto man de algúns que de non telos comprado no seu día seríame case imposible acceder hoxe a eles, dados os cambios producidos desde xa hai uns anos nas tendas de librería, de onde desaparecen case todos os textos cunha antigüidade máis ou menos superior ós seis meses.
            É, por exemplo, o caso de “O Capitão Nemo e eu”, de Álvaro Guerra, publicado en 1973 e mercado por min en 1982, atraída daquela a miña atención pola sona doutra novela do mesmo autor, “Café Central”, primeira da triloxía dos cafés, completada posteriormente con “Café República” e “Café 25 de abril”.
            “O Capitão Nemo e eu”, baixo o pretexto da estancia nun centro psiquiátrico do narrador, un home coas facultades mentais temporalmente(?) alteradas, desenvólvese, nun ton que vai do monólogo lírico á escritura automática, nun tecer e destecer todo tipo de lembranzas: vivencias da gue­rra colonial, recordos de infancia, pequenos acontecementos no sanatorio, todo elo adobado cunha man­chea de citas literarias entre as cales destacan longos frag­mentos das “Vin­te mil leguas de viaxe submarina” de Verne.
            Durante a lectura lembrei unha frase de non sei quen sobre como en ocasións un autor pode pasar á posteridade por un único e feliz verso dentro dun poema. Para min a novela de Álvaro Gue­rra merece a atención aínda que só sexa por unha única frase, “nascer é inaugurar a soli­dão”, nos inicios do capítulo 8. Supoñendo que sexa orixinal do autor, claro está.

            Como a adquisición do libro non debe ser doada, escribo está nota só con idea de chamar un pouco a atención sobre algúns dos autores menos coñecidos do país veciño. Nada máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario