luns, 14 de abril de 2014

PROSAS MISCELÁNEAS


Por Pepe de Rocaforte
            Oín o nome de Kirmen Uribe por primeira vez hai cousa de seis ou sete anos, nun recital de poesía. O autor lía os seus versos en euskera (despois faríao tamén en castellano), e facíao dun xeito que te obrigaba a manter atento aínda sen comprendelos. Logo pouco volvín saber del ata que hai uns días, nunha reseña sobre o último libro de Bernardo Atxaga, Jon Kortazar citaba “Bilbao-New York-Bilbao” como un dos catro mellores títulos da narrativa vasca. Lino e gustoume.
            Máis que na novela, ou dentro do xénero da novela, incluiría este libro nun apar­tado que podería chamar “prosas misceláneas”, un tipo de narrativa con moita aceptación ultimamente, tecido polo xeral arredor dunha crónica de viaxes na que van tendo entrada todo tipo de relatos, contos, anécdotas, lembranzas, historias familiares, a súa pisca de ensaio, mesmo algúns versos...
Kirmen Uribe
            A reactualización destes textos híbridos volve adquirir aceptación e, digamos, certo timbre de superioridade intelectual, tal vez con W.G. Sebald (Os aneis de Saturno, Sobre a His­toria Natural da Destrucción, etc.) En España está, entre outros, Enrique Vila Matas. Nome que me leva a Antonio Tabucchi, en quen o compoñente narrativo é moi superior ó anecdótico. Entre nós vénme á cabeza Sechu Sende e o seu magnífico “Made in Galiza”, aínda sen cumprir exactamente cos requisitos fundamentais que lle dan carta de natureza ó tipo Sebald ou Vila Matas.
            Estes expertos efectúan nos seus textos a transición dun a outro tema coa mesma naturalidade do paseante que a cada revolta do camiño vai descubrindo novas perspectivas e así nolas transcribe. A Kirmen Uribe, en cambio, nótaselle moito a intención. Quérenos contar algo determinado e busca un pretexto para intentar que a transición pareza natural, non buscada, e o traballo resulta algo artificioso, un chisco falso, a obra do vantaxista incapaz de ocul­tarnos a súa artimaña.

            Non quere esto dicir que “Bilbao-New York-Bilbao”, en conxunto, non resulte recomendable. Ten fragmentos, case diría, perfectos. E na súa primeira metade o lector síntese sobradamente gratificado, o que me fai supoñer que co tempo, se prosegue por este camiño, Uribe chegará a ocupar un lugar de relevo entre os actuais grandes da especialidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario