sábado, 12 de abril de 2014

O domingo de Ramos


Coa primeira lúa chea da primavera cadra sempre a Semana Santa. Uns anos en marzo e outros en abril, e escóllese esta data móbil porque segundo os evanxeos foi tras celebrar a Pascua xudía cando Xesús foi apresado, xulgado e axustizado. E esta (a Semana Santa) comeza co Domingo de Ramos, en memoria do día en que Xesús fai a súa entrada triunfal en Xerusalén, cando os seus seguidores o reciben con berros de alegría e alfombrando as rúas por onde el pasaba con palmas, como era de recibir ós heroes e líderes hebreos.
            Mais, lecturas sagradas á marxe, neste caderno interésanos sobre todo ver como esta celebración se converte en todo un ritual de evocación de vida, de saúdo á primavera, no que os fieis non só competían por levar o ramo de loureiro, oliveira ou palma máis grande (volvemos a ver as plantas de folla perenne, sempre verde e sempre viva), senón que tamén se adornaba con froitos e doces como se fai noutras épocas do ano. Mais o ramo bendito durante a misa era logo usado a modo de hisopo coa auga bendicida o Domingo de Resurrección para poñer ós pés do finado que houbese na casa, pero tamén para a bendición das propiedades no último día de abril. As follas do loureiro bendito, queimadas durante unha tormenta, arredaban os tronos da casa, e a cinza das follas do loureiro ciscadas nos campos e nas cortes protexían contra o mal e aumentaban a colleita. Sabemos de casos nos que se levaba a bendicir unha rama de acivro, da que logo se facía a vara do gando.


            E durante a procesión cos ramos, que acostumaba a ser arredor da igrexa, aquelas persoas que non participaban e quedaban dentro do templo eran consideradas bruxas; e asemade, no momento de entrar chegaba a haber verdadeiras pelexas entre os fregueses por facelo canda o sacerdote, pois a entrada en tal compañía outorgáballe a quen o facía a “sorte dos pitos”, esa sorte inesperada na que todo sae ben.
             E con esta data festiva, dáselle paso á Semana Santa

Ningún comentario:

Publicar un comentario