mércores, 2 de abril de 2014

A impetración da chuvia


Por Rosa Benigna Vizcaya

           Este é un ritual que, en lugares como Palmeira, no concello de Ribeira, se estivo levando a cabo ata mediados do século pasado, e facíase por medio dunha rogativa, isto é, mediante un procedemento no que se mestura unha súplica colectiva cunha procesión penitencial, presidida polo patrón da parroquia, neste caso a imaxe de “san Pedriño, o das rogativas”, rezando o rosario, ata o río das Saíñas, límite parroquial (a dous quilómetros do adro), onde á imaxe se lle metía a cabeza no río, e a dicir dos nosos informantes, moitas veces, antes de chegar de volta á igrexa, xa rompía a chover. É preciso sinalar, que ó santo poñíaselle unha espiga de millo nas mans ou un pouco cenceno, para que lle quedara ben claro que sen millo e a consecuente falta de pan, a fame cebaríase coa xente.
            O feito de mollar a imaxe sacra para pedir a chuvia, non está illado, senón que é frecuente no mundo católico, nuns casos enchoupándolle ó santo ou santa os pés, como ocorre con san Vicente na parroquia de Santa Mariña de Ribeira na Estrada, a cabeza, como en Palmeira, ou lavándolle a cara como á imaxe de san Cremenzo en Brión, e incluso mergullando toda a imaxe como en san Lourenzo de Ouzande, tamén na Estrada.
            Incluso foi frecuente a inmersión de reliquias, ata que este costume foi prohibido pola Sagrada Congregación de Ritos nos séculos XVII e XVIII.
            No mundo antigo era habitual somerxer as imaxes dos deuses da agricultura e da fecundidade, pois segundo dalgúns mitólogos, co baño ritual recuperaban os poderes gastados.
            O 27 de marzo tiña lugar en Roma a cerimonia da lavatio, en honor de Cibeles, que consistía en mergullar en auga a imaxe da deusa para pedir a chuvia, despois de levala en procesión ata o río.
            Era Cibeles, ou Magna Mater, unha divindade orixinaria de Asia Menor acollida polos romanos, que a vían como a gran deusa da agricultura e da chuvia con fortes poderes máxicos e adiviñatorios. Posteriormente, o seu culto estendeuse por todo o Imperio, e en Galicia consérvase o templo soterrado de santa Eulalia de Bóveda, cerca de Lugo, que é un exemplo de cristianización dun santuario desta divindade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario