mércores, 9 de abril de 2014

A pedra da Ra


       
     Esa pedra zoomorfa que semella que miramos unha ra, podía non ser máis ca un capricho da natureza, pero as cruces e círculos inscritos nela, fálannos dun proceso de cristianización, e como ben sabido é, nunca se cristianiza o que non é necesario cristianizar.
            A pedra da Ra é un antergo lugar de culto precristián situado en Palmeira, onde, sospeitamos, os primeiros poboadores do lugar festexaban a chegada da primavera a carón deste penedo zoomorfo que, segundo desde onde se mire, nos lembra a un xigantesco batracio mirando cara o solpor, cara ese punto do horizonte polo que se di que escapa a vida. Un antigo santuario do que temos noticia por mor dalgunha lenda, como a da moura que ó seu carón estendía un chafariz de cousas preciosas e ofrecía, a quen na tenda entraba, o que máis lle gustase para outorgarllo. É o famoso conto das tesoiriñas de ouro, que se narra en moitas zonas de Galiza, xeralmente asociado a lugares de veneración precristiá para evocar a fartura, pero non a riqueza, facendo unha distinción que ás veces non é doada de entender, pois a fartura nace cada ano, e é froito do traballo diario, mentres que a riqueza é un golpe de sorte que como vén se vai; iso que sabían moi ben os esmolantes, que mellor preferían pedir en casa farturenta ca en casa rica.
            Unha ra, á fin e ó cabo, é a anunciadora da vida que renace. O canto da ra é o canto da primavera, é o son que anuncia a morte do inverno, a chegada do bo tempo e do renacer da natureza, por iso nos atrevemos a dicir que esa forma convocou na antigüidade, nese primeiro santuario de Palmeira, a cantos querían celebrar a vida, a pesar de que coa chegada do cristianismo se quixera desterrar tal veneración poñéndolle unhas cruces que esconxurasen o antigo culto e desviasen cara outras crenzas as primixenias maneiras de entender a relación do home co cosmos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario