Na
Semana Santa revísase a paixón de Cristo por medio da escenificación dos
tristes días vividos por El nos momentos previos e posteriores ó seu
apresamento, o seu xuízo, tortura e condena a morrer na cruz, é todo un ciclo
no que as procesións, como representación parateatral, con manifestacións da
traizón, a dúbida, a dor, a fidelidade, o sentimento maternal, a esperanza ou a
soidade se vai representar no Santo Encontro, o Desencravo ou o Santo Enterro,
así como nos sermóns que tratan de explicar cada pasaxe evanxélica dedicada á
Paixón, Todas nos lembran en moitos aspectos o ciclo de ritos que os romanos
facían en lembranza de Atis, procesións de dor e sufrimento, sen faltar as
lesións particulares dos devotos e penitentes azoutándose, camiñando descalzos,
cargando con pesados madeiros ou sufrindo todo tipo de sacrificios a imitación
dos sufridos por Cristo no camiño do Calvario. Unha penitencia da que Taboada
Chivite nos dá noticia do extremo ó que se chegaba en Verín, onde mentres un
sacerdote explicaba o sufrimento de Cristo “por mor dos nosos pecados”, os
fieis zoscábanse na mesma igrexa, con expresións de “pola túa culpa”, chegando
a facerse dano.
O
venres todas as igrexas e capelas están abertas, e é obrigado visitar ó menos
tres templos que haxa na parroquia ou na vila, e no caso de non habelos repítese
a visita ata completar o número.
Nestes
días tampouco se deben matar andoriñas, pois a marca vermella que ten este
paxaro debaixo do peteiro é debido ó sangue que lle salpicou cando lle quixo
aliviar a dor a Cristo arrincándolle unha das espiñas da coroa.
E
como símbolo de dor e loito, durante os días nos que Xesús está morto, non toca
a campá, e incluso os finados son enterrados sen tocar por eles e coa cruz
tapada. Ata as doce da noite do Sábado de Gloria
Ningún comentario:
Publicar un comentario