xoves, 3 de abril de 2014

AS TRAIZÓNS DA MEMORIA


Por Pepe de Rocaforte
   
Monumento ós Caídos, Ourense.
         Hai dúas semanas comentaba aquí o caso de monumentos ou grupos escultóricos que poden verse repetidos en cidades distintas. E referíame ó monumento ós caídos, de Asorey, en Ourense, do cal lembraba ter visto unha reproducción en tamaño reducido no acuartelamento de Atocha nA Coruña, e contaba tamén o resultado negativo das miñas indagacións en varias institucións militares para averiguar o paradoiro da citada escultura.
            Agora, gracias á amabilidade de José Manuel Candales Díaz, do Museo Histórico Militar dA Coruña, recibo información e reproduccións fotográficas da obra de Asorey confirmándome que o seu monumento ós caídos continúa situado no acuartelamento de Atocha, contra o que me informaran nese acuartelamento cando alí fun preguntar.
Monumento ós Caídos, A Coruña.
Foto cortesía de José Manuel Candales Díaz,
do Museo Histórico Militar dA Coruña.
            Pero aquí vén unha segunda parte. Na miña memoria aínda me parece ver agora, como naquel meu primeiro día de servicio militar antes de coller o tren con destino a Sevilla, unha escultura idén­tica á de Ourense. ¿Como se pro­duciu semellante cambio nos meus recordos? Puido ser que os nomes de Asorey e “monumento ós caídos”, me fixesen asociar o grupo escultórico ourensán ó que estaba a ver nA Coruña e substituír unha figura pola outra co paso do tempo. De outra maneira non mo podo explicar.
            Así e todo, a pesar de todas as evidencia, aínda me custa traballo convencerme desta traizón da miña memoria, e para me incrementar as dúbidas vexo no catálogo da exposición de Asorey en Santiago en 2011 un “Monumento en homenaje al Soldado Ga­llego en el Cuartel de Atocha de A Coruña, 1940", título máis acorde coa figura representada que o de “Monumento a los Caídos, 1940, La Coruña” segundo a páxina web “Francisco Asorey-Escultura urbana” que parecía confirmar os meus recordos. ¿Puido estar nA Coruña primeiro unha imaxe e logo ser substituída por outra? Non parece probable, pero tal posibilidade segue a alimentarme a dúbida.

            De calquera xeito, de todo esto saco unha conclusión: Nunca se pode fiar un da súa memoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario