martes, 17 de novembro de 2015

A Escalinata de Portomarín e a Capela das Neves



Rara é a ponte que non ten protector. Hai pontes a carón de castelos que cobraban peaxe e outras veces eran os cabaleiros andantes procurando aventura, quen se apostaban a un extremo e solicitaban dos transeúntes unha palabra  de afago, cando non unha bolsa de diñeiro, porque isto de pagar peaxe para poder pasar por un camiño, vía, porta ou corredoira, xa vén de vello.
Como queira que sexa, as pontes sempre foron un ben que agradecer, e quen as mandaba construír sabíao e por iso o escudo unhas veces e outras o símbolo relixioso había de presidir o paso da xente, obrigando o agradecemento ou solicitando a esmola pertinente. Como hoxe as placas recordatorio de ministros, alcaldes e benfeitores que inauguraron un viaduto.
E aquí traemos un exemplo de ponte presidida por unha Virxe, neste caso a fermosa escalinata de Portomarín, nun dos arcos da antiga ponte sobre o Miño, e onde outrora estaba o hospital da orde de San Xoán, con capela dunha soa nave dedicada a Nosa Señora das Neves, e pequena espadana para a campá.
A capeliña non é moi grande, pero si de moita devoción, segundo nos contan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario