domingo, 29 de novembro de 2015

NEIRA VILAS




Por Pura Tejelo
 
                       Ilustración de Lola España

Esperaba que metese dunha vez as compras no carriño do mercado
pero demorábase demais  nas mazás que non tiñan vermes,
nos kiwis importados, duros como penedos, nas noces limpas de febra.
Despois acercouse de vagar aos envases de lata
e empezou a ler nos conservantes e colorantes.
Na franqueza da  súa pel encamiñada de sulcos azuis, montañosa,
na exquisita colocación do pano, cando pasaba a man milagreira
pola testa dos nenos, parecía regalar o tempo tan prezado.

A caixeira tiña cara de estar in orsay, empaquetaba, dicía grazas, boas tardes.
Na suá figura recén peiteada destacaban as mechas e as unllas pintadas,
a espalda recta.

A cola empezaba a medrar a pesar do automatismo das empregadas,
mais el seguiu con esa demora, como se fose obriga saudar a todos os vecinos
e botar unha parola.
Igual esperaba que as amizades, como a terra, abrollasen
 unha vez gradadas, escadulladas, canda a anguria da esperanza,
coa xiada que tolle, o sol que atafega, a chuvia que non vén ou asolaga.
E tras tanta arela e degoiro, o grao reloce, chouta na cangalleira, convértese en fariña.

A amizade, Pan, bendito Pan,
que medra na cocedura lenta dun vello rito labrego.

3 comentarios:

  1. A cangalleira eu penso é menos empregado que o rodicio, que vén sendo unha peza do muíño de auga que é unha roda que fai virar o eixe e mover a moa.

    ResponderEliminar
  2. Tamén que "Xente no Rodicio" é uhna obra do noso grande narrador Neira Vilas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Quizais habería que recordar, que ademais de "Memorias dun neno labrego" e "Cartas a Lelo", Neira Vilas é autor de relatos onde desenvolve o espazo campesino da súa infancia, non exento de dureza pero á vez moi líricos.O texto presente está relacionado co su libro "Pan", en concreto o relato"A cocedura",algún dos seus versos finais están recollidos textualmente do conto do autor.

      Eliminar