E aínda que a todo porco lle chega o seu Sanmartiño, non esquezamos que, en boa
lei, para os cochos este santo tan bondadoso que ata repartía a súa roupa coa
xente necesitada, debía ser un diaño, mentres que aquel outro santo Antón, que
vivía nun deserto facendo xaxún, era para os benditos animais o maior dos
protectores. Sen embargo, ó meu entender, engánanse os porcos se tal cousa
pensar, á fin, ó cocho hai que matalo cando xa apunta o tempo frío e seco do
inverno, e a ser posible nestes días de veranciño que se mete como cuña de mal
pao no medio do mes, onde, porque así cadra, tamén se celebra ó santo de Tours
e ó de Braga, que ambos son Martiños e a ambos lle fan festa no once de
novembro. Pero seguro, amigos cochos, que se lle preguntades a estes dous santos
que teñen contra vós, diranvos que nada, que só son suxeitos pasivos que están
aí porque aí os puxeron.
E pola contra, que me perdoe o santo Antón, que anque cun
cocho se retrata en todas partes, non era tan bo para eles, pois que cando no
deserto facía xaxún e os paisanos lle levaban carne de cocho, tratábaos coma
bestas endiañadas, e ó mesmo porco, de quen desde o fociño ata o rabo todo se
aproveita, tomaba polo mesmo Lucifer, incitando a todos a desprezalo e
retirarlle a boa vida que soe ter, sen traballos, só comer e engordar, pero por
maníaco e insistente acababa fomentando o consumo da súa carne. Así que, digamos para mellorar o refrán que
“a todo porquiño lle chega o seu san Martiño, coa benzón do santo Antón”
O ritual da matanza, xa vén a menos polas normativas de
sanidade, xa hai problemas para matar cochos na casa, con todo aquel ritual que
máis semellaba o sacrificio a algunha divindade da fartura. Era unha festa que
non só duraba o día da matanza, en que era norma probar os primeiros produtos
do animal, xa un pouco de raxo, fígado ou as filloas de sangue, senón que se
estendía ós días de secado, co porco aberto en canal e deixado a recibir o luar
se o hai e se non á simple fresca da noite, para logo ser despezado, salgado e
gardado para axudar a pasar o máis cru do inverno, preparar os chourizos,
botelos ou androllas e asegurar que a casa non vai pasar fame, alomenos ata a
vindeira primavera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario