Falábame
un amigo o outro día de “Las ciudades invisibles”, de Italo Calvino, libro que
por certo non lin. De Calvino coñezo outros títulos e gustáronme, uns máis e
outros menos. Non é, tal vez por non me ter parado excesivamente na súa
lectura, un autor dos que máis me chamen
a atención, aínda que recoñezo a súa calidade.
O comentario do meu amigo incidía nas semellanzas dalgunhas
obras do autor italiano coas do noso Alvaro Cunqueiro, o cal me fixo pensar
noutros autores con moitas similitudes entre os seus libros e os do escritor
mindoniense. Entre eles, por non ser dos máis coñecidos, gustaríame citar o
serbio Milorad Pavic, de quen por certo só coñezo un título, o “Diccionario
jázaro”, pero este só libro converteume de inmediato en admirador seu.
Sorprendeume especialmente a fantasía desbordada do
autor. As súas descricións de personaxes leváronme inmediatamente a lembrar “Xente
de aquí e acolá”, “Os outros feirantes” e, na mesma liña, os “Índices
onomásticos” e as “Dramatis personae” no final dalgunhas novelas, e tantos e
tantos artigos xornalísticos nos que Cunqueiro nos deixou a súa pegada xenial.
¿Coñeceu Pavic a obra de Cunqueiro? Se temos en conta que
“Escola de menciñeiros” é de1960, “Xente de aquí e acolá”, de 1961, ou “Os
outros feirantes”, de 1979, mentres o “Diccionario jázaro” é de 1984, ben
podería darse o caso, non teño coñecemento das datas e os idiomas a que os
libros de Cunqueiro foron traducidos para poder afirmarme máis nas miñas
conxecturas.
Pero estes son datos que en resumidas contas non teñen
maior transcendencia, á parte de que moitas veces as nosas presuncións
acostuman ir por camiños equivocados, e por debaixo da obra dun autor sabemos
como circulan case sempre historias e tradicións de xentes e pobos en certa
medida semellantes.
Neste caso non me resisto a reproducir unha cita, quizais
un pouco extensa, do libro de Milorad Pavic:
«Considerada (…) a
posición
desfavorable dos jázaros no imperio, moitos deles renuncian á súa propia orixe
e lingua, á súa propia relixión e ós propios costumes e ocultan a súa
identidade, presentándose como gregos ou árabes coa esperanza de obter un
tratamento mellor (…) A proporción numérica entre todos os jázaros do país e os
inmigrantes gregos e xudeus é tal que estes últimos representan unha quinta
parte dos jázaros, pero este feito non se nota, porque estas relacións de
forzas e os censos non se obteñen sobre a base da situación global, senón só
segundo os distritos.
»Os representantes destes distritos non están presentes
na corte proporcionalmente ó número de persoas que representan, senón ó número
de distritos, o que significa que na corte os jázaros son sempre os menos
numerosos, aínda que no estado sexa o contrario. O éxito na carreira, nestas
circunstancias e con esta relación de forzas, está condicionado pola cega submisión
ós representantes non jázaros. Abonda con que un evite declararse jázaro e xa
está recomendado, e así é máis doado dar os primeiros pasos na corte. Os outros
danse a condición de atacar con fervor ós jázaros, sometendo os seus intereses
ós dos gregos, xudeus, turcomanos, árabes ou godos, como lle chaman aquí ós
eslavos».
¿Facemos o pequeno exercicio de substituír “jázaros” por
“galegos”, e “gregos, xudeus, turcomanos”, etc. por “castellanos”?
Ningún comentario:
Publicar un comentario