luns, 9 de novembro de 2015

O arado de pao




É este un deses aparellos que permanecen a pesar do tempo, que anque  algúns estudosos xa o sitúan na época castrexa segue en uso e ata non hai moito era común no traballo dos campos a pesar dos tractores e dos modernos sistemas de remover a terra. O arado de pao segue sendo unha ferramenta en uso, que, na voz do Manuel María “Anque a terra ten que abrir, procura non a ferir”.
Este que hoxe traemos é do tipo dunha soa rabiza, propio da provincia de Lugo, e máis concretamente de Friol, e traémolo para indicar cales son as partes que o forman, contando desde atrás, tal a citada rabiza ou rabela, que é a parte que o labrego colle para guialo no rego, a rella, polo xeral de ferro cubrindo o rostro, dente ou cabazo que é a parte que se crava no chan, e se pode  regular en altura coa teiroa (esa táboa vertical que se ve na foto), segundo a necesidade que haxa de cravar a rella para facer máis ou menos profundo o rego. E ós lados do rostro tirando para atrás van as orelleiras ou abeacas, unha especie de aletas que apartan a terra que se levanta contra os lados, e finalmente, aínda que na foto que amosamos non está, vén o temón ou lanza, que vén sendo o pao longo ó que se xungan as vacas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario