Deixémonos de inventos e modernismos foráneos que nada
teñen que ver coa nosa tradición e recuperemos as festas do Magosto, as festas
da maxia e da gran fogueira, pero non dese lume sen función, senón o lume ó
redor do que se xunta a comunidade, a parroquia, quentándose e asando castañas
(ou o que cadre), un tempo para lembrar tamén ós que se foron, ós que xa non
están con nós. Porque somos un pobo que non considera ós mortos, senón ós
finados, ós que remataron unha andaina entre os vivos pero seguen sendo parte
da parroquia, da comunidade, porque a persoa non morre mentres haxa memoria
dela, e nada hai mellor para manter viva a presencia dos nosos finados ca
visitalos, xuntarse arredor de onde eles repousan, lembrar a súa andaina entre
nós, compartir conversa diante deles, e como en toda reunión, dándolle gusto ó
corpo, neste caso co produto propio da
estación “castañas asadas e viño con mel”. E xa sabedes, que se ó asar castañas
sentides que algunha explota, non foi por cousa mala, só era a almiña dun
finado que se liberou das cadeas da terra para acadar a Gloria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario