venres, 6 de novembro de 2015

AS ILLAS DESERTAS



Por Pepe de Rocaforte
            A lectura dunha novela, “Ruído de fondo”, de Don Delillo, animoume o outro día a falar de illas. Sobre este tema, que me seduce desde neno, xa fixen neste blog un comentario hai uns meses, pero desta volta decidíronme a retomalo uns parágrafos da novela do autor norteamericano, dos que finalmente non cheguei a falar entón.
            “Dime unha soa cousa que sexas capaz de fabricar”, dicía un dos protagonistas da historia. “¿Poderías acaso facer unha simple cerilla coa cal prender lume ó rascala contra unha pedra? Considerámonos tan importantes e tan modernos coas nosas alunizaxes e os nosos corazóns artificiais, pero ¿que ocorre se un é posto noutro tempo e se encontra cara a cara cos antigos gregos? (…) [Os homes primitivos] tiñan lume. Fretaban pedernais e producían chispas. ¿Saberías distinguir o pedernal se o vises? Se un home da Idade de Pedra che preguntase que é un nucleótido, ¿saberíasllo explicar? (…) Se despertases mañán na Idade Media e se desatase unha epidemia, ¿que poderías facer para detela sabendo o que sabes de medicina e enfermidades?”
            Inmediatamente veume á cabeza Robinsón Crusoe, aquela lectura delicia da miña adolescencia. E tamén “A illa misteriosa”, aínda que por ter chegado ás novelas de Jules Verne nunha época non moi axeitada, nunca me sentín especialmente atraído por elas.
Hai moitas historias de náufragos en illas desertas e delas sempre me marabillou a cantidade de cousas que aqueles homes habelenciosos, abandonados no medio dunha natureza hostil, eran capaces de facer, todas elas imposibles para min se me vise no seu caso.
A lectura dese texto de Delillo fíxome volver a certas teimas adolescentes e, como consecuencia, irlle botar unha ollada ó exemplar de “Robinsón Crusoe” que gardo nunha fermosa edición de “Muntaner y Simón”, de 1914, con ilustracións de P. Kauffmann, ó lado do cal conservo, tamén na mesma colección, “Pablo y Virginia”, publicado en 1902 con ilustracións de Maurice Leloir, aínda que a illa de Paulo e Virxinia non estaba deserta e, hoxe en día, é un dos grandes destinos para turistas en vacacións, co nome de Illa Mauricio.
Botándolle unha ollada a estes libros cambio de tema para afirmar que a día de hoxe as edicións en libro electrónico están moi lonxe de acadar a fermosura e a perfección daquelas novelas ilustradas que tanto axudaron a formar lectores en tempos pasados. E para non ser inxusto debo citar tamén editoriais, illas no océano, que actualmente continúan a publicar verdadeiras xoias, como é o caso aquí entre nós de “Kalandraka”. Con editores así, aínda son optimista e penso que ó libro en papel pódelle quedar moita vida por diante. Amén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario