Por Pepe de Rocaforte
Comentaba
o outro día as similitudes entre a narrativa de Álvaro Cunqueiro e a doutros
autores estranxeiros, e citaba en particular o caso do serbio Milorad Pavic e o
seu “Diccionario jázaro”, texto publicado en 1983, despois de morto o escritor
galego.
Preguntábame entón en que anos se publicarían as
primeiras traducións da obra cunqueiriana a outros idiomas europeos para
considerar a posibilidade de ser coñecido por Pavic algún dos libros seus. Fun
a Google en procura de información sobre datas de tradución a outros idiomas da
obra do autor de Mondoñedo, pero non son un buscador paciente e o único
interesante que atopei antes de me cansar foi o texto dunha conferencia de Xosé
Luís Méndez Ferrín, parece ser que de 2013, titulada “A internacionalización da
cultura galega”.
Non me aportou nada sobre a información buscada, salvo un
fío por medio do cal cheguei a saber que en italiano, en 1984, publicárase
“Cronache di un maestro di coro”, versión de “As crónicas do sochantre”. Pouca
cousa. Pero fíxome acordar doutra conferencia do mesmo Ferrín sobre Álvaro
Cunqueiro, dentro dun ciclo organizado hai dezaseis anos pola Universidade da
Coruña baixo o título de “Clasicos e Modernos”.
No texto desa conferencia encontrei outro tema
relacionado coas influencias entre escritores, algo que me vén interesando
desde hai anos. “Trasvases dun autor para outro”, chámalle Ferrín, e pon o
exemplo de “Remansos”, poema inicial de “Primeras canciones”, de García Lorca: Cipreses / Agua estancada / Chopo / Agua
cristalina / Mimbre / Agua profunda / Corazón / Agua de pupila. E compárao
co poema, tamén inicial, de “Cantiga nova que se chama riveira”, de Cunqueiro: Amor de auga lixeira, / muiñeira. / Amor de
auga tardeira, / ribeira. / Amor de auga frolida, / cantiga. / Amor de auga
perdida, / ña amiga.
Ferrín dá como anterior o poema de Cunqueiro, publicado
en 1933, mentres o libro de Lorca foi editado en 1936. Pero nas “Obras
Completas de Federico García Lorca” (Aguilar, 1968, décimocuarta edición),
Arturo del Hoyo, que tivo acceso ós manuscritos orixinais, dá 1922 como o ano
en que foron escritos os poemas de “Primeras canciones”.
Tamén de 1922 é este poema de Gerardo Diego: A caballo del quicio del mundo / un soñador
/ jugaba al sí / jugaba al no. // Las lluvias de colores / emigraban al país de
los amores / bandadas de flores / flores de sí / flores de no. // Cuchillos en
el aire / que le rasguen las carnes / forman un puente / sí / no. // Cabalga el
soñador / pájaros arlequines / cantan el sí / cantan el no.
«Isto
refléctese en Poemas do si e do non»,
di Ferrín referíndose á capacidade de Cunqueiro de absorber textos alleos, «Qué
importa que o punto de partida fose este texto insignificante de Gerardo Diego,
se é que foi, porque púidoselle ocorrer aos dous ao mesmo tempo».
Efectivamente,
cando se “trasvasa” algún traballo, algunha idea, de outro, o único que pode
xustificarnos é que o acadado por nós con ese material trasvasado sexa mellor que o era en aquel de quen o tomamos. ¿Ou
non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario