sábado, 18 de xullo de 2020

Deportes autóctonos

Paseaba por un pobo de Cantabria cando escoitei a una nena de menos de dez anos discutindo con seu pai sobre un xogador de bolos, cunha paixón que me sorprendeu e como só algunha vez lle oín a algún cativo sobre certos futbolistas que todos os días e a todas horas ocupan a pantalla do televisor. Aínda a maiores, a cativa paseaba vestindo unha camiseta coas cores dun deses equipos. Pero máis sorprendido quedei cando na prensa local, entre as páxinas de deportes, había unha dedicada enteiramente a falar dos logros, das fichases, dos ascensos e dos cracks deste deporte. Logo, un camareiro aseguroume que despois do fútbol os bolos son o deporte que máis cartos moven en Cantabria.

Mentres dubidábamos de tal aseveración no noso parladoiro dos xoves, aproveitou Xulio para lembrar que o lugar onde agora está o grupo escolar da nosa parroquia, durante a primeira metade do século pasado, era o Campo da feira, onde se reunían mozos e vellos para xogar ós bolos o domingo pola tarde. “Pero agora xa non quedan deportes autóctonos”, concluíu el; e desde a mesa do lado, separada de nós polos dous metros regulamentarios, alguén apuntou, non sei se por falta de coñecemento ou por sorna, “nós nunca tivemos deportes autóctonos”.

Un dos compañeiros presentes retrucoulle lembrando cando, hai cincuenta anos máis ou menos, se xuntaban algúns veciños no Eitón, na explanada do porto, para botar unha partida de Chave, pero xa hai anos que non se sinte o bater titilante do ferro, o seu lugar está ocupado por coches aparcados e non hai mozo que saiba canto pesa un pello. Sen embargo todos saben quen é o pivote dos Lakers, ou canto mide, pesa e encesta en cada partido.

A estas alturas do século XXI as tardes de asueto ocúpanse en partidas de Tute ou Escoba para loitar contra a desmemoria, con campionatos que os mesmos bares promoven, e poucos son os que practican eses deportes físicos, sen idade, que mantiñan o corpo áxil e a mente ocupada.

Hai uns anos parecía que o xogo da Chave se recuperaba, sobre todo nas cidades, chagando a haber federacións, liga, e ata canchas preparadas polos concellos. Había bares que os promovían a través do seu círculo de seareiros, á fin dá máis sede unha partida de Chave ca unha de Brisca, e ata ten saído algunha referencia na prensa sobre a clasificación ou algún torneo, pero todo ficou en nada. Había xogadores pero non había canteira. Practicábano os nostálxicos, a maioría xente de idade emigrada da aldea á cidade, e cando estes cansaron de moverse polo territorio nos seus coches particulares, foron abandonando sen deixar substitutos.

Daquela tamén houbo un intento para recuperar a billarda, pero non chegou a nada. Somos a excepción en todo o norte da península. Vascos, asturianos e cántabros teñen os seus deportes autóctonos presentes e en auxe, agás nós, que mantemos os xogos tradicionais como unha materia máis a impartir durante o recreo nas escolas de primaria, coma quen fala dunha parte da historia que xa non vai volver. A calquera asociación cultural ou deportiva, dálle máis beneficio un ambigú ca recuperar unha parte tan importante da nosa tradición. Nesa carreira polo mínimo esforzo, é máis pracenteiro levantar vidro mentres Iago Aspas corre pola televisión, ca apuntar con un pello a un ferro torcido.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

3 comentarios: