luns, 17 de febreiro de 2014

A honra ós finados. As Parentalias e Mania

        

        Conta Ovidio que houbo un tempo no que os romanos se esqueceron de honrar ós seus finados, e entón estes, saíron das súas tumbas e vagaban polas rúas queixándose da desmemoria dos seus e facendo todo tipo de falcatruadas, percorrendo os lugares dos vivos.  Este foi a orixe dunha celebración que se facían pasado xa o mediado do mes, en que se honraba ós finados ofrecéndolle incenso e viño, para telos calmados e que non viñesen a importunar ós vivos.
               Eran as Parentais, en que se cerraban os templos, apagábase o lume dos altares e non se celebraban matrimonios. A faba cobraba especial significado, pois había a crenza de que dentro delas se encerraba a alma dos finados, polo que o cabeza da familia as botaba sobre as tumbas ou facía o regreso á casa cuspíndoas cara atrás, para que os finados non viñesen a importunalo.
         Tamén era costume nestas celebracións que o cabeza de familia colgase tantos bonecos ou pelotas de la como persoas libres e escravas houbese na súa casa, para que Mania, a nai dos Manes, os deixase en paz, e no mesmo día da súa festa, os labregos deixaban en capeliñas erguidas nas encrucilladas, os seus aparellos de labranza e sacrificaban algún animal.

         Traemos estas capelas, non só porque este fose o tempo en que os romanos facían estas celebracións en honra dos seus finados, senón tamén para amosar estas capeliñas tan semellantes ós nosos petos de ánimas e esmoleiros, que igual ca aqueles tamén se poñen a beira dos camiños e nas encrucilladas.

sábado, 15 de febreiro de 2014

MÚSICOS NA RÚA (2ª entrega)



  Por Pepe de Rocaforte              
En San Petersburgo uns músicos distraen á xente que espera na rúa para poder entrar a visitar o Hermitage.
Unha moza xenerosa toca o banjo no High Line de Nova York para disfrute dos paseantes de fin de semana na cidade dos arrañaceus.
Nas venerables rúas de Salamanca, cidade Patrimonio da Humanidade, un músico alegra a circulación de indíxenas e turistas pola zona monumental.
Un músico zanfonista elegantemente uniformado, deléitanos cos sons arcaicos do seu instrumento nas rúas de Budapest.
             Mentres tanto nA Coruña, a nova Ordenanza Contra A Contaminación Acústica, coa que se prohibirá a actuación dos músicos de rúa polas idem da cidade, aprobada polo goberno municipal no pasado mes de xaneiro, apura a súa preparación para entrar en vigor na próxima primavera.

venres, 14 de febreiro de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                   Por UM-DO-CHAO.
ANDRADE, GRADÍN, ORTUÑO, VARELA… CEA, MÍGUEZ.

            Nom é que este escribidor toleasse… Já sei que estes som vários e nom O apelido que adoitamos estudar. É que um muito amigo que mora no Uruguai, esse paisinho que se déu a conhecer noutrora maiormente polo fútbol, chama-me a atençom sobre meia dúzia de futbolistas históricos uruguaianos que levarom apelidos nossos… vários deles de étnia afro’ (negra ou preta). (Convém lembrar que dito país foi o primeiro no mundo em incluir -1916, e forom dous: Gradín e Delgado- jogadores pretos nas suas esquadras futbolísticas).
Isabelino GRADÍN
            Assi que por nom quedar mal com alguém que se molesta em me ler e, mália nom gostar do fútbol e a sua actual degeneraçom capitalista e violentista… aí vai o feixe  de nomes do amigo, ligeiramente comentado: para isso foi que alteramos a habitual estrutura, pondo primeiro As personagens e por tras Os apelidos.

As personagens.
            Fora (José Leandro) ANDRADE (1898-1957, que já foi tratado por nós), aí temos, antes, a Isabelino GRADÍN (1894-1944), preto tamém e igualmente corredor, a quem o poeta peruano Parra del Riego lhe dedicara (1922) o Polirritmo dinámico que, tempo depois, e no principal teatro montevideano, recitaria a famosa bielorrusa Berta Singerman perante a emocionada presença do próprio Gradín.
            Já na seguinte geraçom, que dizer de Obdulio Jacinto (Muiño) VARELA (1917-1996), alcumado O Preto Chefe, pois como tal actuou na histórica cita de Maracaná (Rio de Janeiro, 1950).
Obdulio Jacinto (Muiño)
 VARELA 
E agora, conta o amigo, surge Washington ORTUÑO (1928-1973), outro preto, com esse apelido euskera… que nom é tal, e si a alteraçom do galego ORTOÑO… poisque Ortoño (Miguel) foi um galego que actuou no Uruguai dacavalo dos séculos XVIII e XIX e, como toda família que tivo escravos, impuxo-lhes o seu apelido (único exemplo comprovado da procedência do apelido cristiano nas gentes negras, poisque nos mais casos nom se déu ainda localizado as famílias –galegas- dos proprietários de escravos com apelidos nossos). Ortuño foi de Maracaná, mas ficou no banquillo.
E já que estamos, nom é cousa de esquecermos um par de jogadores mais, estes nom pretos, cal forom Pedro CEA (1900-1970: o único nativo, como que era de Redondela)… e Óscar Omar MÍGUEZ (1927-2006), A Máquina de 1949, filho de culherdense.

Os apelidos.

            Brevemente: MÍGUEZ (ocioso parece informarmos é patronímico do nome Miguel), inda que hai opiniom contrária, para nós é um caso mais de acentuaçom desplazada e devera ser aguda, MIGUEZ (ao jeito da nossa variante Miguéns, da portuguesa Miguéis e até da espanhola Miguélez)… defrontada coa acentuaçom grave de Mínguez, que é apócope de Domínguez. (Como Muñiz devera ser Múñiz, o castelhano Muñoz, Múñoz e o catalám Sanchís, Sanchis). ANDRADE já foi tratado… e é toponímico, tal como CEA, GRADÍN, ORTOÑO e VARELA.

xoves, 13 de febreiro de 2014

MIA SENHOR


Por Pura Tejelo

                                                                                               Foto de Luis

















Tan alto era o Poder
que non posuías feminino
nin outra terminación
Mia senhor.

Quen senón, ti, poderías ser
como Deus, único posuidor
de tal morfema
Mi senhor.

Dono da capacidade de outorgar amor
recibiría ela o único galardón
de ser amada por
Mi senhor.

Admirada, por cualidades
que el só descubriría e vós finalmente
posuiriades,
Mía senhora.

.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-
O abano é posesión dos sres. Pérez Sueiras, adquirido nunha exposición na galería Atlantida, organizada por Yolanda Ferrer, e destinada a Fundación Vicente Ferrer.

mércores, 12 de febreiro de 2014

As lupercais


         Sobre os idus de febreiro, o que viña a cadrar sobre o día 13, os romanos celebraban as lupercais, unhas festas nas que se honraba a Luperco e con el invocábase a fecundidade.
         A historia comezou cando, despois de construír a muralla de Roma, os romanos, que eran maiormente homes de armas, sentiron a necesidade de atraer mulleres á súa cidade, co fin de perpetuar a descendencia, e daquela fixeron unha festa e invitaron ós seus veciños sabinos coa condición de que trouxeran ás esposas e fillas con eles; e cando todos estaban bebendo e danzando, os romanos raptaron ás sabinas.
         Deixando agora á marxe como foi a guerra entre os veciños e como se asinou a paz, o caso é que as sabinas raptadas negáronse a deitarse cos seus raptores, polo que estes, invocando ós sabios e adiviños que teñen man coa divindade, solicitaron unha solución, e esta foi que para que elas se volvesen fecundas, había que zorregarlle cunhas correas de pel de cabrón sen curtir.
         E como aquilo deu resultado, cada ano, na cova dos lupercos, as mulleres acercábanse para recibir uns simbólicos lategazos no plenilunio de febreiro, que lles permitise ser fecundas.

         No ano 494 da nosa era, o papa Xelasio prohibiu estes rituais, sen embargo, como veremos no vindeiro Entroido, o saúdo coa correa como invocación á vida, segue presente aínda nos nosos días.

A cadeira de santa Baia ou Eulalia


Lápida funeraria
As aves seguen centrando a simboloxía e a iconografía nestes días, teñamos en conta que a pomba como representación da alma do finado xa era común entre os exipcios, e cando santa Escolástica morreu (un 10 de febreiro), desde a súa casa subiu unha pomba ó ceo. E igualmente, cando santa Baia ou Eulalia expirou, tamén da súa boca saíu unha pomba que subiu ó ceo. Eran as almas das finadas camiño da gloria.




Pero máis aló das aves, santa Baia ten un culto moi estendido asociado á fertilidade, empezando polo mesmo milagre exercido durante o seu martirio, cando estaba atada a unha cruz baixo a que se prendeu unha fogueira, e de súpeto unha nevada apagou o lume. Precisamente unha nevada, que como di o refrán “ano de nevadas ano de fornadas”, identificándose así como o abono caído do ceo.
Como queira que sexa, santa Baia ten asociada á súa haxiografía unha pedra en Chamín (Arteixo), chamada a "cadeira da santa", onde din que foi "parida" a santa, unha pedra cunha oquedade orientada a leste, o que nos fai supoñer que era un lugar onde se facían antigos ritos de fecundidade.

luns, 10 de febreiro de 2014

O porrón do galo, de Buño


 É este un deses elementos da nosa tradición en cerámica que máis entusiasmo me causa, porque a parte decorativa e simbólica forma parte de todo o conxunto. Non é un elemento engadido. Claro que son porróns cunha función máis ornamental, pero ó mesmo tempo ten un uso práctico. O porrón pode usarse e disfrutase mantendo a auga fresca.

            E gústame porque sae das terras bergantiñáns, terras que miran ó ocaso, ó punto de onde vén a noite e o frío, e como sempre na simboloxía, para combater un mal enfróntaselle o oposto, contra as tebras a luz, e contra a noite un sol, eses círculos que lle dan forma, e no medio, para que o sol triúnfe plenamente, un galo, o cantor mañanceiro que lle dá a benvida.

Os dentes de santa Apolonia


Un dos síntomas da ancianidade é a perda dos dentes. Sen eles a fera perde a defensa e as persoas senten próximo o final das súas vidas, por iso os cazadores gustaban de amosar como trofeos aqueles elementos que significaron o vigor e a forza do animal por eles vencidos, os caíños daqueles que teñen tales elementos como propios de ataque e defensa.
            Como queira que sexa, amosar unha boa dentame e síntoma de saúde, de vigor, e vida, por iso nestes días en que o tempo invernal nos azouta, se procuran símbolos de vida para escorrentar o mal, a enfermidade e a morte, e por iso se celebra a santa Apolonia, patroa dos dentista, que sufriu martirio afeándoa ó arrincarlle todos os dentes. E agora aí está coas tenaces na man, invocada por dentistas e pacientes que teñen posta nela a esperanza da súa comprensión.

             

domingo, 9 de febreiro de 2014

OUTRA VEZ MALCOLM LOWRY


Pepe de Rocaforte
 
Ó pé dos volcáns.
Á dereita o Iztaccíhuatl e á esquerda, ó fondo, o Popocatépetl
           Sucédeme cada vez con máis frecuencia de ler un libro e pasados tres meses non lembrar xa nin que o lin. En cambio
, de moitas lecturas da adolescencia, e algunhas da infancia, non só recordo os argumentos, senón tamén, nalgúns casos, parágrafos enteiros de texto.
            Boto de ver nesto a degradación inevitable producida polo paso dos anos, pero hai tamén ou­tras razóns para tales deficiencias na memoria. Algunhas novelas de Hamsun, particularmente “Baixo as estrelas de outono”, “Fame” e “Pan”, linas preto dunha ducia de veces. E outro tanto podo dicir de “O estranxeiro” de Camus. Ou, por aquelo da variedade, das historias do inefable Jeeves de P. G. Wodehouse.
            ¿Como non me vou acordar mellor entón deles que doutros libros despachados hoxe cunha lectura rápida e nunca máis voltos a abrir?
A taberna "El Farolito" en El Parián, Oaxaca
            Un traballo sobre Malcolm Lowry visto nestes días pasados tróuxome á cabeza “Ba­ixo o vol­cán”, novela que lin por primeira vez xa de ben adulto e que, porén, continúame presente na memoria gracias a tela relido varias veces, aínda que debo con­fesar ter sido incapaz de entrar no seu miolo na primeira ocasión e terme custado traballo rematala.
            Posteriormente a lectura dun número da revista “Quimera” dedicado a Lowry e “Baixo o volcán”, fíxome volver sobre o libro e, desta vez, empezarme a sentir posuído polo lirismo alucinado do texto do escritor británico.
            Logo, hai cinco anos, con motivo dunha viaxe por México, despois de estar ó pé do Popocatépetl e do Iztaccíhuatl, sentín a necesidade de volver por terceira vez á novela de Low­ry, daquela xa plenamente interiorizada.
            Neste traballo recén lido Alberto Rebollo conta a súa visita a Oaxaca, o Quauhnáhuac da novela de Lowry, e a busca e encontro en El Parián, unha aldea hoxe deserta con todo o recendo da Comala de Rul­fo, dunha taberna, “El Farolito”, cerrada como todas as casas do lugar.

            Lendo esto acordeime do meu paso por Oaxaca nunhas “Fes­tas da Primavera”. Días antes estivera en Puebla, no Mercado de El Parián, pero do Parián de Oaxaca e de “El Farolito” non tiña entón nin idea. Unha mágoa que me fará ler por cuarta vez o delirante des­censo ós infernos dun home alcolizado nunha cidade ó pe dos volcáns nun día de Defuntos dos anos trinta do pasado século XX

xoves, 6 de febreiro de 2014

O sacaleites

   
















               Como curiosidade, e xa que estamos nun mes que empezou cunha divindade á que lle ofrecían o alimento primixenio, traio a este caderno este artefacto feito no barro de Niñodaguia, que me aseguraron ser a recreación dun sacaleites de época romana. Vós, os lectores diredes. Eu compadezo á paisana que tivese que usalo.

Santa Águeda

Enlazando coa celebración á deusa Brigit, o primeiro de febreiro, tan só cinco días despois puxo a Igrexa a festividade de santa Águeda, aquela santa á que, para afeala, porque non aceptaba casar con que lle impoñían, cortáronlle os peitos, imaxe da beleza feminina, pero tamén símbolo da vida e da esperanza, e así está ela agora nos altares, ofrecéndoos nunha bandexa. 



luns, 3 de febreiro de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                               Por UM-DO-CHAO.
BIÉITEZ & VERMÚDEZ.
Os apelidos.
Monumento en Bos Aires a
Juan Hipólito Vieytes
Nem toleou o autor nem se trata dumha firma comercial. Antes de nada, digamos que, sem proporno-lo, com estes som vários seguidos os apelidos de ordem patronímico que levamos estudado. O primeiro que procuramos –e seguro que o conseguimos- foi chamar a atençom do leitor, impactá-lo coa versom inusual, mas correcta, destes dous apelativos de origem medieval, como todos os do seu grupo.
Tam inusual versom… que nem as famílias que os detentam ham ser sabedoras da incorrecçom filológica em que incorrem (como a nossa memória histórica, ainda a familiar, é fraca!). Nom está de mais matizar que, à fim de contas, as gentes nom som –inda que o creiam assi- donas ou proprietárias do apelido que levam, apenas som possuidoras ou depositárias dum vocábulo pertencente à sociedade toda, ou, noutras palavras, à língua que essa sociedade criou através dos séculos e milénios, património de seu. Por isso é um disparate que se diga que “os apelidos nom tenhem regras ortográficas”… poisque as tenhem na medida em que som palavras dum idioma.
BERMÚDEZ, que para nós é galego, se cadra nom exclusivamente, vem do nome germánico Veremundo, como VIÉITEZ, do nome latino Bieito (português: Bento): assi queda evidente esse troco tam surpreendente. Bermúdez, com haver muitos na nossa Terra, é no município corunhês onde mais se dá, aí reunindo-se o 15% do total galego. E nom digamos do seu composto Bermúdez de Castro, galego e bem galego nesse feitio fidalgo… mália se extendesse de tal jeito em terras bem distantes, como Andaluzia… e ainda mais, pois, por obra e graça do navegante Bermúdez, se espalhou até trascender como topónimo nas Américas, segundo se verá… passando desde aí a nome comum, coas bermudas (esses pantalons curtos, tam populares hojendia, que, segundo Papá-Google, surgirom nas ilhas homónimas, como cómoda roupagem militar)… sem esquecermos o mítico triángulo das Bermudas. (Nesta mesma linha gostamos de citar os moscosos, nome comum da linguagem administrativa, derivado do ministro Javier Moscoso (1982-1986), seu inventor de galeguíssimo apelido).

Quanto a BIÉITEZ (o Benítez espanhol, mais correctamente escrito nesta língua), este si absolutamente nosso, cumpre fixar-nos no seu nome-raíz, BIEITO, que tamém opera de apelido, mesmo na versom VIEITO (como passa co Benito castelhano).
As personagens.
1 Juan BERMÚDEZ (século XVI), de Palos de la Frontera, navegante que descobriu a ilha Bermuda, a maior das Bermudas, colónia inglesa fronte aos EE.UU. de América (eles chamando Bermuda, em singular, o arquipiélago todo).
2 Salvador BERMÚDEZ DE CASTRO Y DÍAZ (1817-1883), de Jerez de la Frontera, político, diplomata e historiador, feito marquês de Lema (1858)… cujo solar ignoramos qual será, se as freguezias Lema (em Arçúa e Carvalho), se a aldeia da freguezia de Brexo (Cambre).

3 Juan Hipólito VIEYTES (1762-1815), argentino (filho do cambadês Juan Viéitez), comerciante, jornalista e político, home de Maio como secretário da Junta portenha de 1810.

domingo, 2 de febreiro de 2014

PASEO POLA ESTANCIA


  
   Por Pura Tejelo                                                                                         
       
                                                                                                          Marisa Rodríguez               
Souben que non era definitiva  aquela estancia.
Renxía  fatigado  o piso de madeira,
desandara o seu brillo cos  pasos rutineiros de  antigos donos,  
pintaran  de novo as  paredes do comedor.
E  outros moitos adormentaran na mecedora
contemplando  o xardín.
Incluso o tendal da roupa co seu canto de paxaros
colgaba  acios de silencio  e intuía  esperanzas  estériles.

Disfruta da túa carne,  agora
que sabes que ese leito apacible
que hoxe estás contemplando

acolleu soños de gloria non realizados.

San Brais


Todos nos lembramos de san Brais cando a gorxa nos dá algún problema, sobre todo neste tempo frío, propenso ós catarros, pois foi el quen curou a un cativo que se afogaba cunha espiña, e por iso, para lembrarnos que a súa especialidade está na gorxa, acostuma a representarse agarrando, tocando ou sinalando o pescozo coa man.

Pero san Brais, a quen invocamos no día tres, tamén é o santo que, para arredar o culto romano a Luperco, o deus protector contra o lobo, foi quen camiño da prisión tivo a solicitude dunha boa muller que se lle queixou de que o lobo lle levara o bocariño que estaba criando, e entón el fixo que mesma fera, arrepentida, llo fose devolver á casa daquela, co que esta, agradecida, foi visitalo á cadea levándolle a cachola do porco, unha vela e unha bola de pan, e hoxe en día, como costume que se perde no pasado, no seu día bendícese o pan, nalgúns lugares pans especiais, e velas con forma de U que se colocan ó redor do pescozo, como se facía en san Paio de Antealtares (Santiago), onde o sancristán imploraba a fórmula: “Que san Brais che libre do mal da garganta e de todo mal”.

sábado, 1 de febreiro de 2014

A Candeloria, o Imbaloc e Proserpina

              
Estamos nun mes de purificación, e non só porque o día dous sexa a onomástica das Puras e das Purificacións, é un mes no que se invoca á luz, no que se percibe a proximidade do medre das plantas, ese momento tan agardado e desexado ó largo do inverno, cando o refraneiro nos adianta que é cando casan os paxariños (podo dar fe de telos escoitado esta mañá nunha árbore preto da miña casa). A Candeloria é cando o prognóstico advirte que cando ri o inverno vén aí e cando chora o inverno xa vai fóra, pero anque ría e anque chore, aínda hai corenta días de mala choiva. Botádelle a conta. Sen embargo segue sendo un mes duro e por iso veremos como ó largo deste mes se invocará de distintas maneiras a vida como triunfo sobre a morte.
Febreiro toma o seu nome de Februo unha divindade etrusca, de quen se sospeitaba que era quen mandaba as enfermidades que garda no fondo da terra, e por iso se lle ofrecían sacrificios encima das tumbas. Un deus que, co paso do tempo foi asociado ó Plutón que á vez colleu atributos do grego Hades, o deus do mundo dos mortos, e por iso, cando Proserpina foi raptada e levada ó fondo da terra, ó mundo dos mortos, a morte invadiu a natureza. Ata que, nas calendas de Febreiro, ou sexa, coa lúa nova, no antigo calendario romano, a xente saia á caída da tarde con fachas acesas e ramos adornados con flores, doces e luces a pedir a volta da deusa con súa nai Ceres para que volvese a xerminar a natureza.

Tamén había unha celebración celta relacionada co primeiro de febreiro que era a festa do Imbaloc, relacionada coa fertilidade e co comezo do bo tempo, se non de feito si de dereito, da primavera, na que festexaban á deusa Brigit, protectora dos partos, a quen se lle ofrecía o primeiro leite muxido das cabuxas, e que a Igrexa non tardou en asociar con santa Bríxida de Kildare, unha abadesa morta no 525, e que ten a súa festividade no primeiro deste mes ofrecéndolle asemade o leite e a manteiga. Aquela era unha deusa nai da que algúns autores pensan que derivan topónimos como Brigantio ou Bergantiños e que os romanos asociaban a Minerva.

Foi o papa Xelasio I quen no ano 492 instaurou a festa da Candeloria, coa idea de erradicar os antigos cultos, pero sen embargo aí vemos como nas Mariñas coruñesas seguen saíndo no día da Candeloria ó caer a tarde, as procesión con ramos de acacia e velas acesas para acompañar unha imaxe do Neno Xesús. En Muros acéndese unha vela por cada finado da casa, e esa vela, bendicida, será a vela que se lle pon ó moribundo como símbolo de luz para atravesar o negro túnel da morte. 

venres, 31 de xaneiro de 2014

A CASA-MUSEO LEÓN Y CASTILLO


Por Pepe de Rocaforte
Galería do patio grande
            Se hai algo no mundo máis pesado e frío que un museo, dicía Fernández Flórez, é un artigo falando das obras que nel se sepultan. Así e todo, a pesar destas palabras de don Wenceslao, voume atre­ver a falar dun museo e dun par de obras nel expostas.
            Trátase da Casa-Museo León y Castillo na cidade grancanaria de Telde, e non a escollo só por tratarse dun museo envexable e modélico dentro dos do seu nivel, senón por haber nel algunhas pezas expostas que teñen certa relación coa Coruña.
            Tamén dicía non sei quen (lino hai pouco, pero non lembro onde) que o invento da escritura viñera servir para estragar a memoria. E será certo, porque no meu caso, se non deixo no momento constancia escrita, despois resúltame moi difícil acordarme das cousas.
Sala do epistolario
            Nunha das miñas visitas á Casa-Museo dos irmáns León y Castillo, observei tres pezas relacionadas coa Coruña. Non deixei nota escrita delas e agora, por máis voltas que lle dou, men­tres non me cadre de volver por Telde e miralas de novo, lémbrome só de dúas.
            A primeira é un tarxetón escrito por dona Emilia Pardo Bazán, no que lle informa a don Fernando León y Castillo o seu próximo desprazamento á Coruña para pasar unhas vacacións, ademais de contarlle algunhas outras novidades madrileñas daqueles días.
            A segunda é un óleo do pintor coruñés Antonio Caula Concejo no cal se representa o porto de Las Palmas de Gran Canaria. Pero este óleo tén un detalle curioso: Caula non estivera en Gran Canaria, nin tiña previsto viaxar alí. Polo tanto, ó non coñecer a cidade, enviáronlle para poder realizar o encargo unha fotografía. O negativo foi positivado do revés e en consecuencia o porto de Las Palmas aparece no cadro do pintor coruñés en sentido contrario ó real.

            Da terceira peza relacionada coa Coruña xa falarei outro día se acabo por acordarme dela.

mércores, 29 de xaneiro de 2014

Cástor e Pólux


Co aumento das horas de luz, celebraban en Roma unha festividade en honor dos xemelgos Cástor e Pólux, sempre cara finais de mes, os protectores dos mariños, cando o día xa se ve medrado, pois que foron eles quen venceron os piratas nas illas gregas, e foron quen de acompañar a Xasón na procura do Vélaro de ouro, durante unha travesía na que calmaron unha tormenta e anunciaron a mellora do tempo amosando sobre as súas cabezas unhas luces que se coñeceron como as luces de Cástor e Pólux, as mesmas que hoxe chamamos as luces de san Telmo. Estes xemelgos eran os garantes dos tratos comerciais e no seu templo custodiábanse os testamentos, os acordos e os convenios, pero tamén eran invocados para guiar ás almas dos finados polos camiños do Máis Alá, e curiosamente celebrábanse xusto ás portas dun novo mes que leva por nome o dunha das divindades do Alén.
            É curioso, pero o pasado día  25, celebrou a Igrexa a conversión de san Paulo. Xa sabedes o conto, cando o de Tarso ía no seu cabalo para perseguir ós cristiáns e unha luz o derrubou e lle fixo ver a verdade e a equivocación na que ata aquela viviu.

            Estamos pois nuns días en que a luz cobra protagonismo.

luns, 27 de xaneiro de 2014

San Tirso e a procesión da Rosca de Oseiro

        
San Tirso está de festa en Oseiro. É o santo a quen, para torturalo, decidiron metelo nun caixón de madeira e serrar como se fose o tronco dunha árbore, pero tivo o favor divino e, no intre en que o serrón tocou o seu corpo, aquel volveuse feble como a cera e non lle fixo dano, por iso o santo leva consigo un serrón.
            Este é o santo que celebran na freguesía de san Tirso de Oseiro nestes días, arroupado cunha interesante procesión na que se sacan uns pans apotropaicos; unha celebración a que vos convidamos visitar e para a que hoxe recuperamos un artigo publicado no periódico A Nosa Terra, en xaneiro de 1996, polos colaboradores deste caderno Rosa B. Vizcaya e Francisco A. Vidal.
   

 A procesión da Rosca de Oseiro
         A procesión da Rosca, que se celebra na parroquia de san Tirso de Oseiro (Arteixo) o último domingo de xaneiro, caracterizada porque nela son portadas unhas bolas de pan adornadas con froitos. É unha das primeiras festas agrícolas que se celebran ó longo do ano en Galiza; e, asemade, unha das que mellor nos deixa ver a cristianización dun costume claramente enraizado na cultura greco-latina. Por outra banda, os pans en si, adornados e portados a modo de estandarte,  que fan alusión á dualidade sexual chamándose o pan do neno e da nena, poderíanse encadrar no que se vén chamando a arte efémera, na que as obras son pensadas para ser desfeitas cando cumpren a función para a que se criaron.
         A ritualidade agrícola desta festa está clara se temos en conta que a súa celebración coincide por proximidade coa festa da Candeloria (o dous de febreiro), pero antecede a esta nos días que van desde o último domingo de xaneiro (ou no seu caso o día de san Tirso) ó dous de febreiro, aínda que, entre os santos que forman parte da procesión ocupa un lugar destacado a imaxe de san Brais, que celebra o seu día o tres de febreiro; o que nos fai pensar que nalgún tempo, a procesión da Rosca formaba parte dunha celebración moito máis ampla, e que tiña como base unir ó patrón da parroquia coa Candeloria, pero que, por algún motivo se desligou dela ata converterse nunha festa independente.
         É esta unha celebración que se fai xusto cando o día comeza a medrar, cando empezar a aniñar os primeiros paxaros e florecen as primeiras plantas. Non moi lonxe de Oseiro, en Sada, igual que en outros puntos da bisbara das Mariñas, o día da Candeloria, os nenos, ó caer da tarde, acompañan á imaxe do Neno Xesús con ramos de mimosas (unha das primeiras flores do ano), e velas acesas.
         Na Roma Antiga, as festas dedicadas a Proserpina, quen fora raptada e levada ós infernos por Plutón, celebrábanse cunha procesión nocturna na que tamén se levaban velas acesas e ramas adornadas con froitos e doces, mentres era invocado o seu nome en ton triste, para rematar logo nunha festa de xúbilo e desenfreo.
  
       Pero o culto a esta deusa estaba intimamente unido ó que se lle rendía a súa nai Ceres, deusa da agricultura. Este mito cóntanos que Ceres, durante nove días buscou sen acougo á filla desaparecida, pero ó saber quen era o raptor, cegada pola dor e a ira foise ó Olimpo, e como non lle fixeron caso, impediu que o froito nacese. Era o frío e estéril inverno. E así, con todo o pobo rogando polo seu regreso, Plutón cedeu ó pedido da deusa e Proserpina puido volver para pasar unha parte do ano con súa nai, co que esta lle devolveu a fertilidade ós campo. Era a primavera.
         Por outra banda, segundo o xeógrafo Estrabón, na antigüidade, en Sicilia tamén se sacaban uns pans en procesión, durante a celebracións das Cotitias (festa en honor de Cotito, protectora dos animais e da caza), que se facían de maneira parecida ás da Démeter grega, deusa dos cereais, da que a Ceres romana tomou todas as características, e durante a que os devotos portaban pólas das que pendían froitas e bolas de cebada.
         O etnógrafo Taboada Chivite, ó falar da celebración da Candeloria en Galiza, lembra unha tradición da provincia de Ourense na que unhas nenas levaban pombas brancas e unha bica, bola de pan feita con fariña, ovos e azucre.

         Polo exposto, podemos asegurar que o caso da procesión da Rosca de Oseiro non está illado, e que nela se mesturan, por unha banda, dada a data, a celebración das Calendas e pola outra, dados os elementos usados, o culto á agricultura.
         A confección das Roscas de Oseiro atense a un ritual que obriga a amasar o pan sen sal e sen lévado o día de fin de ano pola tarde, e sacalo do forno antes de que se poña o sol, momento que se anuncia cunha salva de foguetes. Logo, este “derradeiro pan do ano” dúas roscas que, como dixemos fan alusión sexual o chamarse do neno e da nena, será gardado e exposto na igrexa ata o día da procesión.

        Cada unha das roscas colócase nunha pequena armazón de madeira e adórnase con flores e fitas de cores, e ata hai unhas décadas, rodeábase de froitas e doces propios da parroquia, que logo eran repartidos entre os nenos. Na actualidade substituíronse as froitas e os doces por caramelos.
         É costume que a procesión vaia arredor da igrexa, e antecedendo ás imaxes dos santos colócanse as dúas roscas, a do neno e a da nena, que logo serán repartidas o domingo seguinte ó san Brais entre todos os veciños.

         O pan sagrado de Oseiro consérvase todo o ano sen coller balor, e deben comer del persoas e animais para protexerse contra os males, revestíndose así dun caracter apotropaico, que o converte en amuleto contra todo tipo de maleficio.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

O lintel de Oseiro, segundo Murguía


            Como a maioría dos lectores deste caderno sabe, don Manuel Murguía naceu na actual parroquia de Oseiro, no lugar de O Froxel, sendo daquela Oseiro un anexo da de Pastoriza. Nin seus pais nin ningún parente, agás o seu padriño de bautizo eran arteixáns, sen embargo el sempre gardou unha estima especial polo seu lugar natal, e así é que, no seu libro Galicia, publicado en 1888, no capítulo III, apartado V, ó referirse ós monumentos dos arredores de A Coruña fai unha chamada a pé de páxina tras citar :
            De este estilo (refírese ó románico) y de la era MCC es el curioso templo de San Tirso de Oseiro.
            Merece ser conocido este templo y en especial su portada, pues aunque modesta es interesante. El arco es de medio punto, y sus dos archivoltas adornadas, al pie de la cual se ven dos palomas, una de un lado y otra del otro. Debajo, dos ramas de oliva, que se unen por su punta, se extienden horizontalmente todo a lo lardo del dintel. Las cuatro columnas que la adornan son sencillísimas, con capiteles dóricos y pedestales que pudieran decirse del románico primitivo; tan toscas son.
            Pola nosa parte queremos resaltar que as pombas están apoiadas cada unha nun sol e nunha lúa, o día e a noite, o ben e o mal, e semellan peteirar ou beber da cruz florlisada baixo a que se acubillan, recolléndose todo o conxunto dentro dun círculo representativo do círculo do sol ou da vida. Por outra parte, queremos ver nas follas que don Manuel Murguía interpreta como olivas uns sarmentos ou bacelos de vide, unha planta que, como é sabido, abrolla, crece, dá o seu froito, seca e morre cumprindo o ciclo anual.
            Asemade, por falar das columnas da porta, resaltar a figura da dereita, que é un home mutilado, pois que algunha vez, segundo interpretan estudiosos como Mª José Domingo Pérez-Uguena, o que mantiña entre as mans era un falo, símbolo de fertilidade, que os pudorosos dalgún tempo mutilaron. 

ESPERANDO ÓS BÁRBAROS

Pepe de Rocaforte
    
esta edición en castelán
reproduce a portada italiana
cun oleo do propio Buzzati alusivo ó tema da novela.

        Retomando un fío anterior, volvo a “O deserto dos tártaros”, de Dino Buzzati, e a aventura do tenente Drogo, militar destinado a unha fortaleza nun lugar perdido da fronteira, onde se espera o asalto duns inimigos indeterminados, os tártaros.
            Na fortaleza transcorre o tempo e nada se sabe, nada sucede. O destino de Drogo será ir deixando pasar os anos nunha inactividade perpetua á espera dun futuro que nunca chega, men­tres se fai vello e se converte nun desarraigado sen ilusións nin esperanzas.
            O tema da espera dun perigo difuso, ou simplemente da espera, é relativamente frecuente na literatura. Relacionado en certo modo coa novela de Buzzati está, por exemplo, “Esperando a Godot”, de Beckett, e algún outro título que agora non me vén á memoria.
            O inicio da historia de Buzzati a min pareceume velo plasmado en imaxes no principio da película “O nome da rosa”. Tempo antes eu mesmo tivera un soño de contido similar, o cal me fixo pen­sar na posibilidade de se trataren de imaxes arquetípicas. Non sei.
J.M. Coetzee
            Tal vez Buzzati tomou a idea do poema de Kavafis, “Esperando ós bárbaros”. Recordemos os versos finais: ...porque cae a noite e non veñen os bárbaros, / e xente che­gada da fronteira / asegura que xa non hai bárbaros. / ¿E que será agora de nós sen bárbaros? / Tal vez ó cabo fosen eles unha solución.

            Aquí, neste punto, outro autor, J. M. Coetzee, toma o relevo e escribe “Esperando ós bárbaros”. Nesta novela Coetzee vai máis alá de Buzzati: a ameaza invisible vaise concretar, ímonos atopar cos bárbaros, uns seres mansos, indefensos, pero gracias a cuxa existencia o Imperio xus­tificará o uso da tiranía, a violencia e a crueldade, non só para sometelos a eles, senón principalmente a nós, os seus súbditos conformistas.