martes, 2 de xullo de 2013

As horas do sol

              Como pesan as horas do día. Que un reloxo de sol non pode marcar as da noite. E moito duran neste mes de días longos e benignos.
            Estamos en plena canícula de verán, ou alomenos no tempo en que os romanos, tan observadores do ceo, decatándose de que neste momento xa non está presente a estrela máis brillante do firmamento, a estrela Siro, que vén sendo a que forma o ollo da constelación do Can Maior, deron en supoñer que tiña que estar no ceo diurno acompañando ó Sol, quen, por mor da súa intensidade luminosa non nola deixa ver, e daí que ó xuntarse os dous astros (Siro e o Sol), aumenta a calor.
            Era unha forma de velo e de explicalo cando aínda non se sabía nada de presión atmosférica, de borrascas e anticiclóns.
            Como queira que sexa xa estamos, nun mes tradicionalmente de climatoloxía benigna, máis ca por Siro pola situación do anticiclón das Azores. É tempo pois propicio para os baños de mar e de río. E se é posible atopar algunha fonte milagreira, mellor que mellor.
            Só unha apreciación a ter en conta cando se mira un reloxo de sol, que este sempre marca o mediodía exacto, pero as demais raias, non indican a mesma hora no verán ca no inverno.

1 comentario:

  1. Tedes cousas ben interesantes no voso blogue. Se queredes saber mais sobre os reloxos de sol de Galicia visitade http://reloxosdesol.wordpress.com
    saudos

    ResponderEliminar