xoves, 12 de marzo de 2015

Caamaño, longa e antiga estirpe



Escudo usado polos marqueses de Vilagarcía
            E non digades que estamos tolos se poñemos aquí dous escudos diferentes, e os dous identificativos do apelido Caamaño. Por certo, unha nobre e antiga liñaxe descendente dun tal príncipe Sicambre, bisneto de Príamo, rei de Troia, quen despois de andar perdido polo mundo, atracou nunha praia galega, e con tan boa fortuna que, moitos anos e séculos despois, cando os Suevos chegan a Galicia, un Caamaño figura como gobernador desta terra no 453 para darlles a benvida..
A familia Caamaño dominou as terras da antiga Gallaecia, dando gobernadores, bispos e ata guerreiros que acompañaron ó rei don Pelaio.
Da primitiva casa de Noia
Fundaron mosteiros, e ata cidades como foi a de Vilagarcía. Loitaron a carón de Fernando III en Sevilla e deron arcebispos e cardeais. Tiveron a súa casa fortaleza na vila de Noia; e un Vasco Fernández de Caamaño, que tomou partido por Pedro I, houbo de pasar a Portugal onde fundou a estirpe dos Camões que brasonaron a poesía épica lusa.
Por iso esta familia ten tan variada simboloxía heráldica, e para este ilustrar este artigo escollemos os dous máis coñecidos dentro de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario