Caneiros ou pesqueiras,
usados para a pesca de peixes migratorios nos ríos, témolos de moitos tipos e ó
longo de toda a xeografía mundial, pero en Galicia cobran importancia por ser
construcións estables, de pedra, ás veces verdadeiros monumentos chantados no
río e na dirección da corrente, formando pequenas rúas ó cabo das que se
colocan as nasas, boitiróns ou trampas que recollen o peixe. E nalgúns casos, como
en Portomarín, chegaban a facerse casetos sobre estes muros para que os
pescadores pasasen a noite.
Esquema duns caneiros |
Da pesca fluvial en Galicia,
sen contar a deportiva, a día de hoxe só é de resaltar a que se fai no Ulla e
no Miño, principalmente pola lamprea e a anguía, máis, segundo os datos que se
nos ofrecen, antigamente era unha actividade moi estendida, coñecida xa desde
época romana. Como queira que sexa, na actualidade move, arredor dos lugares
onde se practica, un intenso turismo gastronómico durante os primeiros meses do
ano, máis concretamente entre febreiro e abril.
Esta técnica pesqueira consiste
e facer uns muros que dirixan a corrente do río cara un mesmo lugar, verdadeiras
moles nalgúns casos que chegan ós cinco metros de alto e outro tanto de ancho, e
nas rúas formadas entre eles, case sempre menores do metro de ancho, colócanse
as redes ou nasas nas que quedan atrapados os peixes.
O lugar escollido para
colocar estes caneiros depende do tipo de peixe que se busque, e así, para a
anguía, á que lle gustan as augas rápidas, colócanse onde hai remuíños, mentres
que a lamprea soe gustar de lugares máis calmos.
Mais é evidente que os
encoros diminuíron esta actividade en grande medida, ó converterse en
verdadeiros muros para a remontada dos ríos e por iso a queixa dos vellos de
Portomarín, por exemplo, cando aseguran que antes do encoro un caneiro daba
máis anguías nunha noite ca hoxe todo o río en todo o ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario