martes, 3 de marzo de 2015

DO MUNDO VEXETAL




Por Pepe de Rocaforte
  
          A propósito dunha fotografía de jacarandás en África do Sur, ilústrame un amigo sobre a procedencia desa árbore da familia das bignoniáceas, típica (e supoño que tamén orixinaria) da América inter e sub tropical. Para que non alardeen os surafricanos con algo non propio, senón importado.
            A este respecto a min, home cunha formación de ignorante radical, o das especies trasplantadas dun lugar a outro do mundo paréceme algo moi frecuente, á parte de no humano, no mundo vexetal. Entre nós temos un bo exemplo nos eucaliptos importados de Australia por frei Rosendo Salvado.
            Ocórreseme pensar en cambio nos pinos (digo pinos porque así lle chamaron Pondal ou El Rei Don Dinis entre outros. E por certo, este Don Dinis mandou plantar no século XIV o “Pinhal do Camarido, aínda hoxe cheo de verdor na desembocadura do Miño). Unha especie vilipendiada, tratada como allea, pero ó parecer propia de todo o Hemisferio Norte, nós incluídos. ¿Por qué a desdeñaremos logo, se é tan nosa?
            Nesto das especies arbóreas veño de desengano en desengano xa desde rapaz. Pasoume coas camelias, ás que en tempos, e non sei se aínda agora, lle dedicaban unha festa e lle chamaban “A flor das Rías Baixas”. Para resultaren ser tan asiáticas coma eses bazares de todo a cen abertos as vintecatro horas do día.

            Outro tanto me pasou coas mimosas que nos primeiros meses do ano inzaban de flores amarelas e intensos recendos os montes todos arredor de Ourense. ¿quen me ía dicir daquela que non eran propias e naturais do país cando medraban ventureiras por todas as partes?
            Pero o desengano máis grande leveino cando ó ler “Narciso e Golmundo” batín con este parágrafo inicial: “Diante da porta do convento de Mariabronn … erguíase, na mesma beira do camiño, un castiñeiro, solitario fillo do mediodía, que un romeiro trouxera noutro tempo…”
            Funme informar e, efectivamente, as frondosas, fermosas e pródigas castanea sativa, gala do Courel, dos Ancares, de Valdeorras e de tantos e tantos montes da nosa terra, emisoras de suaves aromas ó botaren as candeas en primavera e produtoras de alimenticios froitos ó chegar o outono, ¡non eran autóctonas! Procedentes da Asia Menor, estendéronas os romanos por todo o Mediterráneo, ata chegaren aquí con elas. ¿Qué diría a esto don Vicente Risco?...

Ningún comentario:

Publicar un comentario