luns, 9 de marzo de 2015

DÍA DA MULLER




Por Pepe de Rocaforte
Dedicado ó Gran Wyoming
            Hoxe, oito de marzo, “Día da muller traballadora”, ou mellor dito: “da Muller” (non hai que facer distingos, sobre todo agora co paro que padecemos), debo confesar o orgulloso que me sinto de ser cidadán dunha autonomía gobernada por un partido como o que nos goberna.
            Non é para menos, este ano a Xunta de Galicia, e máis concretamente a Secretaría de Igualdade, decidiu celebrar como se merece unha data da importancia da de hoxe. Baixo o lema “Con mulleres, hai Galicia”, organizou un acto no cal como figuras animadoras interviñeron nada menos que Nucha e Mucha, “As Cantareiras de Ardebullo”. Xa sabedes a quen me refiro: estas mesmas daquí
            Debo felicitar ós promotores/as de tan excelente idea e propoño un merecido premio para eles/as. ¿Que tal por exemplo ascendelos/as a Madrid, ó equipo de goberno estatal? ¿Decatádesvos de canto coa súa imaxinación non serán capaces de facer alí estes cráneos privilexiados?

            Xa os estou vendo no Ministerio do Exército, poño por caso, preparando a celebración do Día das Forzas Armadas ilustrada cunha representación a cargo de Carlos Floriano nos monólogos de Gila, naquelo de “Oiga, ¿hablo con la guerra?”, seguida da proxección de “Sopa de ganso”, dos Irmáns Marx. ¡Xenial!
Canta alegría me dá saber que na nosa terra hai xente tan orixinal e con tanta capacidade para nos tocar a fibra sensible. Vivan Feijoo, Rueda e os seus mariachis que a tal altura nos elevaron.
            Pero a cousa non vai quedar aí. Se este ano o lema é “Con mulleres, hai Galicia”, para o ano próximo preparan outro mellor: “Con mulleres pásalo que te cagas”. Como estrelas invitadas xa se anda en tratos coas reinonas do carnaval de Las Palmas. Vai ser un exitazo e ós profetas do non xa se lle poden ir inflando coma balóns de baloncesto. Xa o dixo Monago, outra lumbreira do PP, o de Paco e Curro: “É que esa xente non ten sentido do humor”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario