A historia deste santo,
fillo dos condes de Celanova, é a historia dun neno prodixio, que xa ós dezaoito
anos, sendo abade de Caaveiro, recibiu o mandato divino para facer un mosteiro
en Celanova, e menos de vinte anos despois, inaugurouno arroupado por once
bispos, vintecatro condes e innumerables abades, diáconos, monxes e paisanos.
Xa antes de nacer, cando súa
nai, a futura santa Ilduara, se encomenda á máis alta divindade pedindo axuda
para un parto feliz, sentiu no seu corazón a voz do arcanxo Miguel predicindo
que o froito do seu ventre ía ser grande ante Deus e ante os homes.
E así foi. Rosendo, que
marchou de neno para estudiar as cousas da vida e da Igrexa co seu tío, bispo de Mondoñedo, vese con doce anos e sen
un pelo de barba na cara representando ó seu titor nas cortes de León, e a
partir daí, a súa carreira política xa se dispara: rexenta as abadías de
Caaveiro e Portomarín, e cando acaba de cumprir os dezaoito anos, morre seu tío
e el herda a cadeira episcopal mindoniense, onde amosou as súas boas dotes para
o goberno.
En maio de 955 o rei outórgalle
o cargo de vicerrei de Galiza, convertendo ó eclesiástico en guerreiro contra mouros
e normandos, e por ser tan disciplinado e de tan bo facer, o rei sacoulle a sé
compostelá a Sisnando e púxoo a el no sitio. Pero cando o rei morreu, Sisnando
foi ás habitacións episcopais chamándolle usurpador a Rosendo, e sacándoo da
cama, segundo as crónicas agarrado pola barba, mandouno para o seu mosteiro de
Celanova mentres el recuperaba a sé de Compostela.
Indignado, o vicerrei
prognosticoulle que aquel acto íalle custar a vida, e que morrería atravesado
por unha frecha. E tal sucedeu ós poucos meses nos montes de Padrón, onde en
loita contra os normandos Sisnando foi alcanzado por unha frecha que lle atravesou a gorxa. Pero Rosendo xa
decidira retirarse da política activa e agardar a chamada do ceo, o primeiro de
marzo do 977 no seu mosteiro de Celanova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario