Por Adrog Ahcorb
Ela mesma define as súas esculturas como
restos golpeados polo mar, como obxectos abandonados á intemperie, tal vez
aparecidos na mallante, elementos cuxas formas e cores transformou a intemperie
ou o contacto coa auga, ata converter un simple cubo branco nunha figura de
múltiples engurras, vultos e golpes, como caixas que andasen mecidas polas
ondas e golpeadas contra as pedras, como esas teas sen marco que as soporte ou
co marco roto que colga das paredes ou estende no chan, desgarradas, que xa non
son o que foron ou o que puideron ser. Ver as súas obras fainos lembrar eses
restos que aparecen na praia, que aínda que non teñen a forma orixinal, a que
lle dá identidade, si manteñen a esencia do que foron, que nos retrotraen a esa
outra idade anterior do elemento. Son escombros (debris, en inglés), pero manteñen o celme do seu ser.
Xoga esta pintora-escultora co tempo en obras
como esa caixa que se apoia nun sofá e nunha cadeira, como se todo o secreto
que pode gardar estivese entre dous mundos, o rico e o pobre, o novo e o vello,
o estable e o inestable.
E a pintura usada por Ángela non é o colorido
vistoso, senón unha paleta máis ben escasa, o branco, o negro, o azul escuro, e
o marrón principalmente. Pero é que esta obra non é para ver, senón para
sentir, para deixar que nos transmita as súas sensacións. E nos faga pensar
niso que vén sendo o paso do tempo, dos anos, da idade. como podemos ver no
cadro “branco sucio”, onde a superficie branca mostra as marcas amarelas da
descomposición que o tempo deixa na mesma pintura, ou en wet (húmedo), onde o cadro, despois de ser introducido nunha
bañeira de auga e deixalo así un tempo, amosa as marcas que o nivel de auga
deixa no impoluto branco do cadro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario