martes, 24 de marzo de 2015

SEPULCROS GÓTICOS




Por Pepe de Rocaforte
  
    
      Nun percorrido polo do interior de Portugal baixando de Lamego, na proximidade de localidades con resonancias tan achegadas a nós como poden ser Lalim e Cambres, cheguei á pequena vila de Tarouca onde, nunha curta visita ó mosteiro de São João, encontreime co sepulcro do Conde de Barcelos, don Pedro, fillo bastardo do rei don Dinis, o das flores, ai flores do verde pino.
            O primeiro que se me veu á cabeza foi a semellanza deste monumento funerario co de Fernán Pérez de Andrade en San Francisco de Betanzos, o cal por outra parte non deixa de resultar natural por seren ambos dunha mesma época, medio século arriba ou abaixo.

            Pero xa meténdome un pouco máis en fariña fun atopar información doutro sepulcro similar, este bastante anterior no tempo, noutra localidade próxima, Paço de Sousa, onde se encontra o monumento funerario de Egas Moniz, aio do futuro primeiro rei de Portugal e tal vez antepasado do premio Nóbel António Caetano de Abreu Freire Egas Moniz.
            Respecto a este sepulcro encontrei unha información curiosa: disque aquel Egas Moniz deixara sona de tratarse dun home forte e de extraordinaria corpulencia, o cal fixo que a mediados do século XVIII un abade do antedito mosteiro de Paço de Sousa, moi rufo e pagado da súa elevada estatura, ordenase remover a tampa do túmulo para confrontar o tamaño de fémures e tibias do guerreiro medieval coas súas proias extremidades.
          Tal vez porque os ósos de Egas Moniz resultasen ser máis longos que os das súas canelas, o caso é que o abade organizou semellante estrago nos restos do defunto que a estas alturas seica non é moi doado saber o que naquel sepulcro se encontra.
            Como sempre facemos, ou polo menos fago eu, agora fun buscar información nesa pouco fiable fonte da Wikipedia e alí atópome coa seguinte indicación: “No interior do túmulo existe unha pequena caixa de cobre coas súas cinzas (de Egas Moniz)”.
¿Con cal dato me debo quedar? ¿Ou tal vez despois da desfeita organizada polo abade do século XVIII, para evitar novas tentacións medidoras se meteu na caixa unha manchea de ósos o tum-tum e asunto arranxado?

Ningún comentario:

Publicar un comentario