Por Adrog Ahcorb
Con motivo da exposición que trata de celebrar o 120
aniversario da primeira exposición que Picasso fixo na Coruña, e que tamén foi
a primeira exposición da súa vida, “A
fundación” da antiga Caixa Galicia ou da nova Abanca, tirou dos seus fondos
para amosarnos a interesante exposición”Picasso e seu mestre Isidro Brocos”, un
dos seus mestres na Escola provincial de Belas Artes da Coruña, onde o neno
Pablo recibe as primeiras clases de ensino artístico regrado, nesa época fundamentaal
para a formación e que vai entre os nove e os trece anos. Un mestre de quen,
moitos anos máis tarde, xa mediado o século XX lle falaría a Camilo J. Cela.
Pero traemos hoxe a Isidro
Brocos, un escultor que non só foi quen de aportarlle unha aura de sensualidade
ás imaxes relixiosas, senón que tamén lle aporta ás súas esculturas de temática
popular a forza dun realismo non exento de certa gracia humorística, pequenas
escenas que contan toda unha historia. Aquí reproducimos dúas das esculturas
que se poden ver na exposición de Abanca, “O xastre”, quen observa en detalle
como lle queda o traxe ó cativo, porque ese traxe vai ser tamén o traballo dun
artista que os paisanos van valorar, non só se ó rapaz lle queda ben a roupa ou
non, senón que o acabado sexa perfecto, pois cada prenda que el fai é como unha
voz falando da súa profesionalidade, e como tal artista, para acentuar máis esa
función do personaxe, debaixo do asento ten a gaita, porque o xastre tamén é
músico. E no de “Ai, aí, a pulga”, os personaxes non se ven remendados,
despeiteados ou desaseados, pero o mal que aquí se representa era unha
constante coa que non bastaba a loita persoal senón que tamén necesita da
colaboración, neste caso, entendemos que da neta. Dúas persoas necesarias para
darlle caza a un diminuto e malvado insecto que escarabella entre as roupas e
as intimidades da persoa co único afán de enfastiar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario