Setembro, o do san Migueliño das uvas maduras, xa entrou.
É o mes que lle abre as portas ó inverno (ó outono), ó tempo frío, e tamén,
como nos recorda o refraneiro, é o mes
que leva as pontes e seca as fontes; daquela ollo coa chuvia.
Este tamén é un mes de dar gracias e de invocar a
protección dos santos, de agradecerlle a cura daquelas enfermidades que
parecían incurables ó Nazareno da Pobra, ou que o mal e o demoño abandonen os
corpos danados na santa Eufemia de Arteixo. A restra de santos protectores é
longa, e tamén se lle pide a san Xil de Casaio en Sobardelo, que
nos protexa e nos guíe polos camiños da vida, un santuario onde se venden as
aguilladas bendicidas para o gando; e ó santo Exidio que nos libere do medo, a san
Gregorio alivio para a dor da Gota (póñoa con maiúscula porque doe moito), ou
ós santos médicos Cosme e Damián que miren por nós.
Pero sobre todo pídeselle
protección á Virxe dos Remedios en Quiroga, Verín e Mondoñedo, e a dos Milagres
en Caión, en Ribadavia á do portal e en Vilanova dos Infantes á do Cristal, á
da Barca en Muxía, á da guía en Corrubedo (poucas santas máis apropiadas ó
lugar) e á de Guadalupe en Rianxo... e serían tantas as Nosas Señoras a invocar
neste mes, e todas concentradas entre o seis (a natividade da Virxe é o día
oito) e o día quince (o día trece, aproximadamente eran os Idus dos romanos),
que non chegarían as páxinas dunha enciclopedia para citalas. Porque santos
protectores neste mes xa os tiñan os exipcios, celebrando a Isis, a nai que aleita
a Horús, o día seis (mirade que coincidencia), ou os romanos a Xuno (a esposa de Xúpiter, mirade que outra
coincidencia), arredor dos Idus do mes).
E agora botade contas, e mirade unha
vez máis cando se celebran as festas coa Nosa Señora por protagonista.
Setembro tamén é o mes da vendima e das primeiras
castañas. En setembro, di o refrán, colle o viño e non durmas no camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario