domingo, 6 de setembro de 2015

Viaxe cara ó solpor (proemio)



Proemio
Unir dous puntos distantes por medio dunha liña, dous lugares xeográficos por medio dunha viaxe, dous modos de ver a vida por medio da palabra, son humanas aportacións á convivencia que se remonta ós máis antigos tempos en que o home ergueu a vista e quixo saber que había máis adiante, por encima da sebe ou detrás dun cantil. Din que, precisamente ese afán por ver e descubrir foi a primeira razón de que uns antecesores do home actual deixasen de andar a catro patas, e non tanto o de estirarse para coller unha mazá dunha maceira. Como queira que sexa, a curiosidade, a ansia de ver e descubrir é unha das máis xenuínas condicións humanas, como o é a procura da unidade dentro da diferencia, o intentar compaxinar distintas maneiras de ver un mesmo obxecto, abrir novas fiestras e novas perspectivas sobre un mesmo lugar ou unha mesma acción. Daí a necesidade de que o viaxeiro nunca vaia só, que haxa mestura de pareceres, que alguén corrobore o visto, que alguén nos faga ver o que pasa desapercibido ou que alguén nos amose a outra cara do que vemos. Tal vez sexa esa a esencia da convivencia, e por iso, en vindeiros días iremos narrando as vicisitudes da viaxe solsticial cara o solpor que Pepe o Dulceiro e Farruco o Meco fixeron no ano catorce do presente século, cando se cumprían os corenta anos (que é moito dicir), do seu primeiro encontro nos cantís do portiño de san Pedro de Visma e de cuxo encontro xa se perdeu a memoria da razón e das vicisitudes da mesma.
            Empezamos pois co relato desta “Viaxe cara o solpor”.

1 comentario:

  1. Encántame a descripción de por qué o home ten ese ansia por viaxar....

    ResponderEliminar