mércores, 30 de setembro de 2015

O PRIMO DE ZUMOSOL



Por Pepe de Rocaforte
            O outro día oíalle ó profesor Carlos Quiroga unha frase ó meu ver pouco afortunada respecto á posibilidade pola nosa parte de utilizar, á hora de escribir, o idioma portugués: “Se temos un Ferrari no garaxe, ¿por qué nos imos conformar con manexar un vehículo inferior?”. O final da frase non era exactamente así, pero o sentido si.
            En principio considerei tal opinión, xa digo, como desafortunada, acaso unha simple parida, pero o volver sobre ela levoume a ver a cuestión do uso dunha determinada fala, ou escrita, desde outra perspectiva e decateime de que os motivos polos cales hai anos me decidín a utilizar o galego como idioma de comunicación, hoxe parecen estar totalmente fóra de lugar.
            E seguramente eses motivos resultan discordantes porque quen escollemos tal postura non soubemos facela valer para o fin con que a utilizabamos. Hoxe aquelas intencións coas que tratabamos de normalizar e potenciar o uso do galego parecen ter pasado a unha posición inferior e os utilizadores dunha determinada opción idiomática á hora de escribir e se relacionar co mundo (tamén dos defensores da opción contraria compriría falar en termos similares) buscan sobre todo a súa propia promoción, manexarse nun status máis axeitado para acceder a uns medios de maior amplitude con idea de alí triunfar e sermos considerados importantes.
            Para rebater as miñas obxeccións o amigo Vitor Vaqueiro, por quen sinto moito aprecio desde hai anos, trataba de me facer ver que as cousas non eran tal como eu pensaba. “Ti podes ver como hoxe os paisanos”, dicíame, “a pesar de canta normalización lingüística se intentou, seguen a chamar, por exemplo, Villagarcía a Vilagarcía”.
¿E eso arranxaríase de adoptarmos o idioma portugués, a súa ortografía e, o peor, a súa sintaxe e o seu vocabulario? Non o vexo nada claro, a verdade. Só me parece unha forma de recoñecer a nosa incapacidade e tratar de superala por medio da chamada á axuda do “primo de Zumosol”. Pero o primo de Zumosol, penso eu unha vez máis (e non mais uma vez), non está precisamente polo labor de nos axudar nese aspecto, nin tampouco creo que tal solución fose acollida co entusiasmo que por algúns sería de esperar. A realidade é fodida, non o dubidemos, e as cousas case nunca resultan como as quereriamos, nin uns, nin outros.
E por rematar cun mal chiste, ó mellor pásame como á ex ministra Ana Mato e non vexo o Ferrari no meu garaxe. Outros en cambio, seguramente con máis vista, decátanse de que á beira do Ferrari teñen un Lamborghini. ¿E daquela que escoller?

Ningún comentario:

Publicar un comentario