luns, 7 de setembro de 2015

EN MENOS DE DOUSCENTOS ANOS

Por Pepe de Rocaforte
            Recordando películas dos anos cincuenta e sesenta do século pasado ocorréuseme pensar na velocidade acelerada a que se viñeron producindo no mundo unha reste de cambios transcendentes no transcurso de tan só século e medio.
            O cine, por exemplo, era descoñecido na mocidade dos nosos avós. Empezouse a facer popular por aquí nos anos trinta do século pasado, para nos cincuenta multiplicarse as salas cinematográficas en cidades e vilas. Entón converteuse na máxima distracción e a xente coñecía mellor ós actores de Hollywood que á maioría dos veciños do seu barrio. Ós rapaces parecíanos algo de toda a vida e nin soñabamos con que en poucos anos máis empezaríase a producir o declive en que se encontra agora. A súa vida non chega aínda ós cento cincuenta anos, moi pouca cousa na historia da humanidade.
            Pero outras transformacións máis importantes véñense producindo arredor noso desde hai menos tempo. Eu lembro que, de neno, na aldea dos meus avós maternos, como na maioría das aldeas galegas, non había luz eléctrica. Pola parroquia só pasaba unha estrada sen asfaltar. E en canto a contaminación acústica miña nai dicía que, sendo ela nena, no caír da tarde podía oír con total claridade as voces dos que chamaban ó barqueiro para pasar o río; e o río está a unha distancia de entre dous ou tres quilómetros da casa dos meus avós.
            Hai cincuenta ou sesenta anos empezaron a chegar as grandes maquinas, pas escavadoras, explanadoras, grúas, perforadoras, e a paisaxe empezouse a modificar de tal xeito que a quen levase máis de vinte anos fóra custaríalle traballo recoñecer os lugares onde con anterioridade se desenvolvera a súa vida.
            Modernizouse o campo, pero non se souberon ver as prioridades e planificouse mal. Empezouse a reconverter todo en herbeiras para manter gando, moito gando. Medraron coma fungos as granxas de vacún, pero o ciclo non acabou de se completar e así se iniciou o desastre actual do sector leiteiro. Por esa e outras causas agora non hai xeito de parar a desertización do medio rural, as granxas vólvense ruinosas e as aldeas despobóanse. ¿Cantas vacas quedarán daquel millón que contara Manolo Rivas no seu fermoso libro?
            E o peor é o equivocado ou innecesario de moitos cambios. Parece que nós, en lugar de encontrar solucións, só sabemos crear problemas. Hai sesenta, setenta anos, nunha cultura da miseria, case non se producía lixo, aproveitábase practicamente todo. Agora o lixo cómenos por todos os lados. Véxanse os vertedoiros clandestinos, Nostián, Sogama… ¿E que se fai para remedialo?
            Aquí vemos como as axudas da Unión Europea se inverteron moitas veces en frivolidades, paseos marítimos e similares, cando os países máis adiantados do continente se enfrentaron doutro xeito a problemas que para nós tamén deberían ser máis urxentes.
            Penso en Austria. En Viena, onde me chamara a atención a pobre iluminación das rúas da cidade en contraste co derroche lumínico nocturno de por aquí, mostráronme hai pouco unha planta de reciclaxe, obra do arquitecto Friedensreich Hundertwater, admirable no aspecto artístico da construción, pero sobre todo exemplo de aproveitamento da reciclaxe de residuos orgánicos en esterco e, especialmente, como produtora de enerxía eléctrica a partir da incineración de residuos sólidos, para reducir na medida do posible a dependencia enerxética.
            ¿Non estaremos en España tirando alegremente pola xanela a riqueza que non temos, mentres un país economicamente máis forte se dedica a mirar moito o euro á hora de consumir e de buscar sistemas alternativos para reducir o gasto?
            Observo que cambio de tema case sen mo ter proposto e como ademais hoxe xa me estendín demasiado, deixareino quedar aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario