luns, 21 de setembro de 2015

Viaxe cara o solpor



5ª xornada pola tarde, só descanso, e descanso.
E se a tarde foi gorentosa, non o foi menos a noite que invitaba a sentar fóra, e contemplar as estrelas, e lembrar aquela lenda da Osa Maior, a tráxica historia de amor e desconfianza materno filial, da constelación que os nosos paisanos coñecen como o Carro. E ía contar algún deles a lenda, pero -¿que viño lles trouxeron Ana e Juan?- o sono vén como traidor acosador -¡Ou o viño!- e caen rendidos alí mesmo, ás portas da tenda, roncando e espantando cos seus ronquidos ós esquíos e ós coellos, e ata as bolboretas nocturnas que roldan a luz dunha fogueira, e seguro que tamén a algún xabaril que durante a noite vén a remexer nas papeleiras onde os excursionistas deixan as súas sobras. Roncan e ó acorde dos ronquidos respóndenlle todos os cans da redonda, e o Meco, tan pendente das pantasmas da noite acórdase de Diana a cazadora, presentada polos mitólogos como unha robusta moza, seguida de todos os cans do mundo ó acubillo do luar. Pero ó acubillo da noite tamén anda o Urco, que ten unha rúa a el dedicada na cidade de Pontevedra, o monstro que rolda as casas dos mariñeiros nas noites de lúa chea para anunciar futuras desgracias. O mesmo Urco que el mesmo veu ceta noite ó volver dunha farra de solteiros, preto da súa casa da Bouciña, aló nas terras da Barbanza, aquel enorme animal, grande coma un boi e negro coma un tizón, seguido de centos de cans e cadelas que pasou fronte á casa dun veciño e alí andou a dar voltas, impedindo o paso de quen a tal hora abocaba as rúas nocturnas, para que no amencer, a campá da igrexa espertase á veciñanza coa nova dunha desgracia lutuosa no mar, que deixaba a aquela casa visitada polas bestas do averno sen pai de familia.
Por iso non é de estrañar que ós donos de tales vivencias, o entresoño lles amose á mesma Diana saíndo das frescas augas (e non nos confundimos con Venus), envolta en argazos e co seu arco disposto, unha deusa loura como os raios do sol, de pel tan branca que semella transparente baixo o luar, unha Diana que os mira e apunta coa frecha, e entón ambos ó unísono erguen o corpo berrando “mi madriña”.
Só era un soño. Pero os dous estaban soñando o mesmo.
Arrepíase o corpo coa lembranza e acubíllanse os peregrinos dentro da tenda.
Mañá será día de ir cara Ponte de Porto e máis aló.

Ningún comentario:

Publicar un comentario