Por Pepe de Rocaforte
Dáballe
voltas nestes días de atrás á nosa tendencia a magnificar o pasado,
particularmente cando carecemos duns elementos de medida ou comparación
axeitados para verificar a fiabilidade dos recordos que nolo pintan coas cores
máis fermosas.
Víñanme estes pensamentos á memoria a conto da lembranza
dunha novela, con toda probabilidade de escaso mérito literario, pero cunha
valía esaxerada na miña memoria pola imposibilidade de volver ter acceso á súa
lectura.
Hoxe recunco no tema, pero en lugar de libros, desta
volta vaille tocar a películas.
Hai unha manchea de anos as obrigas do felizmente
desaparecido servizo militar leváronme a pasar ano e pico da miña vida nun
recanto perdido da costa africana onde unha das escasas distraccións de que
dispoñamos era o cine.
As películas que se proxectaban non eran, nin moito
menos, de rigorosa estrea. Non sei que criterios seguían para adquirir os
lotes, pero teño a impresión de que unha das condicións máis determinantes era
a do custo. Así e todo quedoume no recordo un bo sabor de moitas daquelas
sesións de cine e, particularmente, gardei na memoria tres títulos que daquela
me pareceron de alta calidade. Aínda que moi diferentes nos seus temas, os tres
filmes coincidían en estar rodados en branco e negro e en ter sido estreados na
década dos cincuenta, varios anos antes de eu os ver.
Un deses títulos era “Fresas silvestres”, de 1957
(prefíroo así en vez de “Fresas salvajes” como o titularon en español). Hoxe é
o día en que despois de vela polo menos seis ou sete veces continúo a
considerala entre as mellores fitas de Ingmar Bergman, un dos meus tres ou
catro directores de cine favoritos. Aquí parece non enganarme a memoria.
Os outros dous títulos xa non resultan tan coñecidos e asequibles.
Un é o filme, de 1958, “El jefe”, dirixido por Fernando Ayala, con guión do
director e de David Viñas. En 1958 recibiu o Premio Cóndor de Plata á mellor
película de cine arxentino, e en 1959 foi premiada no Festival Internacional de
Cine de Mar del Plata como o mellor filme en español. Volta a ver agora prodúceme
unha impresión un chisco pobre, acusando quizais certa falta de medios, cun
guión ben intencionado, pero non moi pulido, como o acabado xeral, bastante por
debaixo do da fita de Bergman.
A película que completa este trío é a polaca “As visitas
do presidente”, de 1960, Concha de Plata no Festival de San Sebastián de 1961,
dirixida por Jan Batory, filme do que actualmente non podo opinar por terme
sido imposible encontrala ata o momento. Seguireina buscando, a ver se teño
sorte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario