4ªxornada
pola tarde, un relaxado camiño a Laxe e Soesto para ver bailar o sol
Nadar alívialles os músculos
da fala, e despois deste pequeno exercicio, no piñeiral que teñen ó lado, poden
lavarse nunha fonte, facer a colada, tender a roupa e descansar, para xantar
este día ó xeito labrego montañés, navalla en man e cortando anacos de pan e
chourizo demoradamente, sen présas, cadansúa froita lavada na mesma auga da
fonte e ficar logo arrolados pola fresca brisa da sobremesa e polas palabras do
Meco que, por fin, por quitarlle ferro á desconfianza de incrédulo do Dulceiro,
por mor do perdido e achado sombreiro, atrévese a contar da súa orixe familiar,
aló en terras da Barbanza, a onde os piratas bereberes chegaron certo día de
verán, tinxidos do sollazo e famentos de compaña, con intención de arrasar con
todo canto atopasen no camiño de Compostela, e desembarcaron no lugar de
Cerqueixo, onde unha fermosa doncela andaba ós mexillóns, que alí chaman
carabeiros, coa saia arremangada e os brazos ó sol, e aquel mouro de pel negra
coma o pote e priápico falo, sen pedirlle
permiso, colleuna polo van e bicouna coma quen bica unha xoia de ouro,
un raio de sol ou un lirio de primavera, e deixouna grávida dun rapaz que ó seu
día casou, tivo fillos e netos, e estes tamén tiveron os seus fillos e netos
sen perder o gusto polas doncelas nin a pel tiznada de sollazos como tiña o seu
antepasado.
Parece
que xa fixeron as paces, pero non se sabe. As cousas nunca son o que parecen
senón o que son ou veñen sendo.
O
camiño vai agora cara Laxe, a do longo areal, a do homiño de pedra que sempre mira o horizonte
desde un extremo da praia. E a Laxe de santa Rosa de Lima, traída por un
emigrante que chegou a alcalde, que lle fixo un santuario e encheu de devotos
da santa a toda a bisbarra, e que os golpistas do trinta e seis axustizaron por
ser alcalde e defender o sufraxio universal.
Seguen
camiño, a deixan a un lado a praia dos cristais, unha praia sen area e cuxo
chan fica alfombrado de vidros rotos e pulidos polo mar. É a terra de don
Isidro Parga Pondal, sobriño neto do bardo bergantiñán, terra do maior xeólogo
que deu Galicia e é a terra que esperta os soños dos camiñantes baixando cara o
longo areal despois de mercar algunhas provisións nunha das tendas da vila.
Vai caendo a tarde e
aumentando o nordés, e os camiñantes diríxense á praia de Soesto, a onde
chegarán coa caída da tarde, con vento avivado que lles obriga a reforzar os
ventos da tenda, e desta vez si que viron bailar o sol, bailou de dereita a
esquerda e de arriba abaixo, un sol que, como no poema de Lorca é un capitán
redondo que monta no seu globo ós paxaros, ás gavotas que percorren o ceo
nestes últimos instantes da tarde. Un sol que embelsa a tal punto que xa
deitado aínda ficamos agardando como se dun momento a outro fose asomar un
olliño para dicirnos, “Ei, que aquí estou”, e estará aló o Helio xoguetón, que
cada noite, emprende no seu carro de cabalos o camiño de retorno por debaixo da
terra, co fin de volver aparecer á mañá seguinte de novo polo leste.
Escurece e os viaxeiros
procuran ó acubillo da súa tenda.
O vento sopra e o ceo amosa todo
o seu estrelado explendor, e sobre todo ese Camiño de Santiago, a Vía Láctea,
que hoxe parece indicar a rota que os camiñantes han de seguir, esa camiño de
leite que, segundo contan os entendidos, foi xerado tras o nacemento de
Herácles, o Hércules romano, cando despois de nacer non tiña peito que o
fartase, e Ares tivo a ben collelo e poñelo ós peitos de Hera, a esposa legal
de seu pai, que durmía sen decatarse da presencia do cativo, e el chupaba e
chupaba sen darse fartado, ata que Hera espertou e véndoo sobre o seu seo,
arrincouno de tan mala gana, con tanta forza, que a succión do cativo non
impediu que o chorro de leite saíse e se espallase polo ceo ata hoxe.
A praia trae a presencia dese ser acompañado dun can que sae cada noite a rondar as casas pescas.
Esta
noite o vento semellaba falar con voz de oráculo grego, e mágoa é que nin o
Dulceiro nin o Meco saben entender as voces dos elementos, como tampouco, ó
amencer entenden que lle contan as aves que, como fillas de Cibeles que son,
prognostican novos encontros tras o amencer, e aínda logo camiño de Camelle e Camariñas
Ningún comentario:
Publicar un comentario