venres, 4 de decembro de 2015

Santa Bárbara contra os raios



Bárbara se levantou, os seus zapatiños calzou
E a Noso Señoriño atopou:
-¿Bárbara a onde vas?.
-Señor, eu ó seu vou
A aplacar a treboada que anda moi levantada
E levala a campos indignos,
Onde non haxa pan nin viño nin xente da cristiandá.

            Esta é  unha das oracións que se lle rezan a santa Bárbara para pedirlle axuda diante dunha treboada, e se algo me gusta dela, ademais de que representa unha escena normal, saíndo para cumprir cun labor, encontrando ós veciños, como se fose unha paisana que ten que ir á fábrica, ó choio ou a acomodar o gando, é que a santa é atuada polo devoto. Só unha cousa habemos de apuntar, e é que alí onde nós poñemos “Campos indignos”, moitas persoas din “Campos divinos”.

        A primeira demostración da capacidade da santa para dominar os raios manifestouse cando aínda estaba viva e seu pai a encerrou nunha torre para que non se relacionase cos cristiáns, coa sorte de que durante unha tormenta desas que chaman con grande aparato eléctrico, un raio caeu no pazo familiar e destruíu todo agás a torre na que ela estaba recluída.
        E xa que hoxe imos de oracións, aquí vai outra variante que, como a antes citada, ha de ser recitada en cada unha das estancias da casa cando hai treboada:

Santa Bárbara bendita que no ceo estás escrita,
Con papel e auga bendita,
Aplaca a treboada que anda moi levantada
E lévaa a campos indignos
Onde non haxa pan nin viño nin xente da cristiandá

            E evidentemente, estas oracións, recitábanse en “castrapo puro e duro”, con todas as variantes que o “castrapador” tivese segundo de onde sexa orixinario,  por ese interese de poñer no idioma dominante as palabras dirixidas á divindade, finalizando sempre coa solicitude de ”Un Padrenuestro a la Santísima Trinidá “, a fin de incluír a oración canónica na solicitude popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario