As harpías son
animais fabulosos con rostro feminino e corpo de ave, ás veces tamén con rabo
de cobra, e aínda que nun principio eran unha especie de axentes de Zeus, a quen
el enviaba para que se cumprise algún castigo imposto, acabaron asociadas cos
monstros do mal. Elas eran as que lle sacaban a comida da mesa a Fineo, o
adiviño que aconsellou ós Argonautas, por descubrir o futuro sen permiso do pai
do deuses.
E traémolas hoxe,
porque aínda que as podemos ver en multitude de obras do románico, sempre
asociadas
ós vicios e ós pecados, sobre todo como representación da avaricia, tamén
servían para representar á muller insaciable, traidora, malvada, que ás veces
ata ten lingua viperina como as cobras, e por todo isto, por ser todas esas
cousas chámanos a atención esta figura que semella unha delas como se fose un deses
paxaros atados, amortallados e desecados que retrata Vilariño, aquí co rostro
feminino dunha harpía de mirada torva, dándolle forma a esta asa dunha porta de
Monforte de Lemos do recén pasado século.
Tan mala prensa teñen
estes seres que acabamos por supoñer que moi mala intención tiña quen a puxo
nesta casa, moi muller vive nela ou moi mal lle quere o marido para simbolizar
a entrada con este monstro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario