luns, 14 de decembro de 2015

San Xoán da Cruz, o poeta místico



                      San Xoán da Cruz, tamén chamado “o doutor místico” ademais do poeta do século XVI que nos deixou fermosos poemas de inspiración relixiosa, tamén é quen xunto con santa Tereixa de Xesús, reformou a orde do Carmelo.
Naceu en Fontiveros, na provincia de Ávila, e a pesar de ser orfo e ter pasado penurias económicas na familia, ós nove anos entra a traballar no coidado de enfermos ata os vinte e un, cando toma o hábito carmelita, e despois de estudiar humanidades cos xesuítas marcha a Salamanca para estudiar catro anos de filosofía.
Nesta ocasión non imos ir, nesta visita ó santoral polo camiño da simboloxía, como acostumamos, senón por recordar a un bo escritor.
Se alcanzou a santidade, entendemos que foi por razóns propias da súa condición de eclesiástico, e sobre todo porque a Biblia e as obras de santo Agostiño eran os seus dous libros de cabeceira, e nos que se basea para elaborar toda a súa produción literaria, da que son de resaltar os poemas Noche oscura, Cántico espiritual e Llama de amor viva; os chamados poemas menores: Entréme donde no supe, Glosa al Vivo sin vivir en mí, Tras de un amoroso lance, Un pastorcico solo está penado, Que bien sé yo la fuente e En el principio moraba . Así como as obras en prosa: Subida al monte Carmelo, Noche oscura del alma, Cántico espiritual e Llama de amor viva.
Morreu en Úbeda, o 14 de decembro do 1591, pero o seu corpo foi trasladado a Segovia, onde repousa.
Sirva esta reseña para animar ós seguidores desta páxina a repasar algún dos seus poemas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario