Vasoira en man, antes
de que se poña o sol habemos de limpar a casa, deixala aseada para recibir o
novo ano. Pero coa vasoira tamén espantamos o mal, botámolo fóra. E quen mellor
para representar tal varredura que o papa que simboliza o triunfo do ben sobre
o mal, o papa san Silvestre, quen en tempos de Constantino promoveu o Edicto de
Milán, polo que o cristianismo ía ser recoñecido como relixión do Imperio.
El foi o primeiro papa
que non foi mártir e segundo algúns haxiógrafos o primeiro que se coroou coa
tiara. E todo comezou cando o emperador, adoecido dunha enfermidade
descoñecida, pediu a súa intervención para curalo, e el, desois de bautizalo, mandándolle facer
xaxún e pensar nas virtudes do cristianismo durante unha semana, fixo que cada
día promulgase un edicto en favor do cristianismo.
Cóntase que un xudeu
envexoso, para poñelo a proba e con intención de avergoñalo en público,
amosoulle un touro que tiña que ser sostido por cen homes, e entón Silvestre,
moi sereno, acercouse ó animal e, falándolle á orella (non sabemos o que lle
dixo), ó touro deulle un ataque e caeu morto, polo que axiña quixeron acusar ó
santo de bruxo malvado, pero ó momento, Silvestre, facendo o sinal da cruz fixo
que o touro se erguese, manso como boi castrado.
Outro dos portentos
deste papa foi cando soubo dun dragón que cada día comía a cen persoas, e entón
Silvestre, dono do don da palabra e da forza outorgada pola súa fe, solicitou
ir el mesmo a calmar a fera. E só necesitou o papa da oración diante da cova
onde se refuxiaba o monstro, para que o Espírito Santo lle dese as instrucións
necesarias para salvar ó pobo de tan maligno diaño.
Silvestre abriu para a
Igrexa un tempo novo, e o que vén sendo o mesmo, el foi quen pechou as portas do
pasado, durante o que o cristianismo era perseguido. Por iso está no último día
do ano, e por iso se invoca contra a maxia, o mal, a escuridade, as bruxas e
todo o que, na mentalidade cristiá representa o Imperio romano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario