venres, 11 de decembro de 2015

MATINACIÓNS TRIVIAIS SOBRE NOVELAS



Por Pepe de Rocaforte
            Lin nestes días pasados un par de novelas que me levaron a matinar un pouco sobre un tema que supoño xa moi trillado, pero no cal non me parara demasiado a pensar. A pregunta que me fixen foi: ¿Qué é máis importante, o asunto a tratar, o argumento, ou a maneira en que se desenvolve e se traballa ese argumento? E tamén: o estilo
            A segunda das novelas de que falo (despois fareino da outra) é “Absalón, Absalón!”, de William Faulkner. Se non a entendín mal, a historia vai dun home dunha familia de brancos pobres do Alto Mississipi, que emigran ó sur, a terra das plantacións de algodón, das grandes mansións señoriais e da segregación dos negros. Alí este home, aínda neno, vai experimentar o racismo, pero no seu caso dirixido ás clases brancas indixentes, non aceptadas polos negros nin polas grandes familias da clase alta (e mesmo da clase media).
            Decidido a subir posicións na escala social ese neno, xa mozo, vaise a Haití onde, dun modo en certa medida accidental, que non lle fai ó caso, casa coa filla dun facendeiro francés e despois de ter un fillo con ela, descubre que corre sangue negro polas súas veas. Xa rico, repúdiaa, abandónaa (eso si, deixándolle medios de fortuna suficientes para vivir a un bo nivel) e regresa ó Mississipi, onde lle compra a un xefe indio unha enorme extensión de terras para alí construír unha mansión espectacular, con planos feitos por un arquitecto francés traído a propósito para este traballo.
            Se ben continúa sen ser admitido entre a clase alta, consegue casar cunha muller de clase media con quen terá dous fillos, unha rapaza e un rapaz. Despois dunha serie de peripecias nas que non vou parar, a súa primeira muller, residente agora en Nova Orleans, consegue que o seu fillo estableza relacións cos outros fillos do seu marido e trate de casar con quen é súa irmá. Aquí, se a alguén lle interesa, pódese remitir á historia bíblica de Tamar, Amnón e Absalón, fillos do rei David.

            E non continúo porque para a miña reflexión xa abonda. ¿Non é esto un típico culebrón de mala morte? Desde logo conta con todos os ingredientes. Pero… ¡alto!, quen trata o tema é William Faulkner e daquela a narración elévase ata cotas que me deixaron abraiado, morto de envexa diante da arte deste mestre indiscutible da narrativa.
            E agora éntrame o pudor para falar do outro libro, gañador dun premio literario. Non  facilitarei o título nin o autor e só para dar unha idea do percal entresacarei algunhas breves mostras do estilo do novelista, de quen, nas orellas do libro, se di formado nunha desas “escolas de escritores” que hai xa uns anos empezaron a florecer en España.
            Alá van as mostras: “…avanzan hacia la ventana, saltan, reciben una bocanada de noche contra el gesto…”, “…las herraduras de los caballos [ya están] empezando a masticar el suelo…”, “…con la ira masturbándole los labios…”. E última, para non cansar: “…unas feroces ansias de venganza le masturbaban la retina…”
            ¿Qué tal vos quedou o corpo? ¿E que é o importante nun texto literario? Déixoo á vosa elección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario