Por Pura Tejelo
fotografía de W. Eugene Smith |
Somos Hansel e Gretel,
vimos merendar e bailar un pouco cos amigos,
vella bruxa, así que vai
preparando un sándwich de polo
e dúrmea por aí.
Hansel tiña un pantaca axustado
que marcaba os seus ósos
e Gretel un vestido curto de
raias que deixaba á vista as canelas,
pero querían festexar esta noite-bruxa
a derradeira noite no conto.
O contrato rematara
e a xoldra iría polo alto.
Primeiro unha boa calefacción,
viandas, doces, pan recén torrado
e unha depilación en serio para a vella.
Tíñao ben merecido, tantos anos facendo de muller horrible.
Os vellos traxes sobados polo uso, as bagoxadas
e alghuna graxa descoidada con café con leite.
Á porra con todo!.
Mercarán lencería. Gretel lucirá os seu ombros novos,
Hansel levaríaa en voandas pola chouza de cristal,
prenderían as luces agochadas
polos longos cortinóns.
Desprendéranse as cubertas e as letras derramábanse pola sala ao chou.
Tanto ten, alguén escribirá
outra historia torturante
cos mesmos adubíos para enganar os
cativos desobedientes.
Pisaremos o tellado coas unllas pintadas de framboesa,
apagaremos para sempre o temible rumor dun bosque encantado
de larpeiradas
que atan as mans dos nenos que queren comer o maldito
chocolate.
Ningún comentario:
Publicar un comentario