Por
Pepe de Rocaforte
Estamos na semana decisiva, falo das
eleccións naturalmente, e nestas datas recrudécense na tele as aparicións de
políticos de todo tipo en programas de debate con tanto éxito de público como
escaso custo económico para as cadeas que os programan.
O outro día, mentres zapeaba polos
distintos canais, pareceume ver nun destes debates unha cara que me lembrou a
novela de Bohumil Hrabal “Trens rigorosamente vixiados”. No exemplar que teño
na casa busquei a cita que me viñera á memoria e non fun quen de dar con ela.
Tiven que ir ver o filme do mesmo título, do cal foi co-guionista o propio
Hrabal, e alí, case ó principio, encontrei estas palabras do
protagonista-narrador: Asistín a un curso
de transportes e voume estrear como controlador de trens. Todo o mundo sabe que
quero ser controlador de trens pola sinxela razón de que non quero facer nada,
coma os meus antepasados, excepto estar na plataforma cun disco de sinais e
evitar todo esforzo mentres outros teñen que traballar e suar.
Agora, xa posto a lembrar textos de
Bohumil Hrabal, citarei outro parágrafo, este de “Unha soidade demasiado
ruidosa”: …volvo encontrar a Grecia
antiga nos barrios periféricos de Praga, nas fachadas das casas comúns e nas
portas e fiestras adornadas con mulleres e homes espidos e follas e plantas
dunha flora exótica…
Na pasada primavera estiven por
primeira vez en Praga. Despois de visitar os lugares programados pola axencia
de viaxes, un día metinme pola miña conta a percorrer o distrito de Vinohrady,
non tan invadido pola avalancha turística habitual, e sorprendeume a fermosura
daquelas rúas con edificios de fins do século XIX e principios do XX, dos que
acabei tirando unha manchea de fotos.
Daquela non lera aínda a novela de
Bohumil Hrabal (os temas relacionados con estas visitas sempre os miro despois
de feita a viaxe) e sorprendeume o ter descuberto sen pensar aqueles edificios
dos que fala o protagonista de “Unha soidade demasiado ruidosa” (lectura que
recomendo coa mesma calor con que ma recomendaron a min) e coincidín coa
atracción do protagonista polos portais
das casas de pisos e dos edificios públicos [que] reflexan a Grecia que todos levamos dentro, a beleza helénica, meta e
modelo, … columnas dóricas, frisos e volutas xónicas, capiteis corintios …
vestíbulos de templos, cariátides…
E para finalizar, outra
coincidencia, esta tal vez menos sorprendente. Posto na teima de fotografar
portais escoltados por figuras escultóricas, en Viena tiraría outra foto que,
de volta na casa, identifiquei co portal do edificio onde vivía Harry Lime
(Orson Welles) na película “O terceiro home”.
Velaí está tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario