xoves, 3 de decembro de 2015

Santo Eloi, o prateiro



Nestes días de escasa luz, cando as horas de sol adormecen e nin forza ten o astro rei para quecer os corpos, mentres se agarda a chegada do solsticio, o almanaque pon no principio do mes a santo Eloi, a quen uns poñen por ferreiro, unha profesión moi aconsellable para o inverno, e outros por ourive, quen, ademais de traballar o ouro e a prata con exquisita delicadeza, predicaba e aconsellaba que non se afixesen os devotos á escravitude dos ricos metais. Sen embargo, para maior gloria da Igrexa, el non dubidaba en recoller, gardar e custodiar, xa en bruto xa convertidos en pezas de arte que ornasen os templos todo o ouro, prata e pedras preciosas que atopaba, e que así pasaban a engalanar a divindade. De feito, en cofres e estoxos de metais preciosos, este santo gardaba as reliquias dalgúns santos, as cales recendían como flores de primavera.
E dado que o ouro e a prata son os símbolos do sol e da lúa, os astros que presiden o día e a noite, ter aquelas reliquias era como  ter todo o universo na súa casa.
Entre os milagres que se lle outorgan, está o daquel cabalo que había de ser ferrado por el, pero como era un pouco incómodo ou o animal algo nervioso, quitoulle a pata, ferrou a xeito, e volveu a poñerlla. Por iso, ademais de patrón dos ourives e dos ferreiros tamén o é dos ferradores

Ningún comentario:

Publicar un comentario