xoves, 24 de decembro de 2015

.-.-.


                        Noite de luz e de ausentes

Cada ano, ó chegar o solsticio de inverno, este momento no que imos celebrar o medre dos días e a esperanza de que os campos volvan a florecer, chámeselle Nadal, festa de Mitra ou Saturnais, tamén é o momento para reconfortarnos coa vida, precisamente agora que as horas de sol son menos e o frío impón o seu mortal dominio sobre a natureza. Ilumínanse as rúas, as casas e as árbores, como un intento por vencer as tebras, por vencer á fin todo aquilo que nos lembra a morte, e xuntámonos amigos e familiares para amosar a fartura como un elemento apotropaico contra os males e a escaseza do inverno. E cantamos panxoliñas que falan do cotián e do que desexamos.
O Nadal é unha noite de luz, pero tamén é o momento para lembrar ós ausentes, e nós, que somos pobo de ausentes, dámoslle un traballo extra ós carteiros (a pesar do whatsApp, do skype e dos SMS), para mandar renovados desexos de boa ventura e prosperidade ata aló onde se encontren, facendo florecer a humanidade con este pequeno e simple acto que, aínda sen móbiles nin turrón, xa se facía nas Saturnais romanas.
Modifícanse os costumes, incorpóranse novos elementos, pero permanece a esencia do que esta noite foi ó largo dos tempos, unha invocación á vida. A mesma escena do presebe, e por extensión o Belén, popularizouse nas nosas casas porque, máis aló da escena relixiosa, represéntase o motor do mundo, as actividades cotiáns e os oficios, pero tamén as figuras de coñecidos personaxes populares, históricos ou simbólicos, tal o “cageta” catalán, símbolo do abono dos campos.
E por todo isto, porque a partir desta noite medran os días e volven a xermolar os campos, o imaxinario tradicional invítanos a non esquecer ós devanceiros finados, esoutros ausentes, porque para nós, aínda que remataran a súa andaina vital, seguen presentes mentres haxa memoria deles, tal e como nos recorda Murguía e que, ata non hai moito era costume estendido polo territorio galego e do norte de Portugal: deixarlle un sitio na mesa, con prato e cubertos incluídos, ós que no ano que remata deixaron este mundo por se se queren unir ó ágape familiar. E asemade, aínda cando hoxe en día, a calefacción central e os modernos sistemas tarifados nos escusan de poñer leña na lareira, lembremos aqueloutro antigo costume de deixar o lume aceso por se algún finado quería pasar esta noite á calor da casa que fora súa.
Mudan os costumes, pero no fondo, a esencia e significado destas datas permanece e resúmese, unha vez máis, no triunfo da luz sobre as tebras e da vida sobre a morte.


1 comentario: