domingo, 15 de decembro de 2013

Conso, o protector dos silos


Para esconxurar todos os males do inverno, precisamente agora que se aproxima o día máis curto do ano, os romanos, de quen aprendemos a celebrar, festexar e ata a rezar, tiñan o seu particular  circuíto de festexos agrícolas nestes quince últimos días do ano, onde os deuses protectores dos campos van ser venerados, e que comezaban o día quince (sempre datas adaptadas ó actual calendario) honrando a Conso, o protector dos silos, cun acto cheo de simbolismo, pois os devotos ían ó Circo Máximo e alí desenterraban para facer as súas ofrendas, un altar que permanecía enterrado o resto do ano, como imaxe da semente que permanece baixo a terra a logo florece, invocando así a súa protección para os productos que aínda se gardan nos celeiros.

No seu día tamén facían festa todos os animais domésticos, que quedaban exentos de calquera tipo de traballo, competían en carreiras e probas de tiro e eran engalanados con coroas de flores.

venres, 13 de decembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                                                  Por UM-DO-CHAO.
LEMOS/LEMUS.

Antonio Flores de Lemus
O apelido.

Topónimo prelatino, derivaria da tribo céltica dos lémavos povoadores da Terra de Lemos, da que é cabeça Monforte, capital dos condes de Lemos, aqueles famosos Fernández de Castro, aos que pertencéu Inês de Castro, a raínha depois de morta de Portugal, mas tamém o sétimo conde, Pedro Fernández de Castro e Andrade, desde a sua residência madrilenha, mecenas, entre outros, de Cervantes.
Como dito Andrade/Andrada, este apelido tamém adoptou a forma dupla do epígrafe, o qual é doado de entender dada, como naqueloutro caso, a acentuaçom grave que deixa escurecida a pronúncia da última sílaba. (Escaso na Terra, pois vemos se dá quase exclussivamente na zona Mugia-Vimianço-Camarinhas, atopamos, desde antigo, a forma Lemus, maiormente nas Américas).
Gostamos de fazer a contraposiçom Lemos-Melo, senlhos topónimos exclusivos de Galiza e Portugal, para exemplificarmos como esses apelidos, com origem nesses respectivos núcleos de povoaçom, ao revês do que a maior parte dos apelativos doutra origem que som comuns aos dous países, si som diferentes em cada área… pois Lemos nom hai da outra banda e nós nom temos aldeia algumha Melo –que na antiga ortografia lusa escreviam Mello, como Vianna ou Netto, sobrevivendo com tal feitio no Brasil-… ao jeito do que acontece com apelidos toponímicos espanhois tales Santander ou Cáceres, cada um exclusivo da Cantábria e da Estremadura… mas ninguém pondo em dúvida a sua pertença á comum língua espanhola.

As personagens.

Carlos Lemos
1 Antonio Flores de LEMUS (1876-1941), de Xaém, economista e político de tendência positivista e antiliberal, que actuou tanto com Primo de Rivera como coa II República.

2 Carlos (García) LEMOS (1909-1988) e sua irmá Lola Lemos (Dolores García LEMOS, 1913-2009), bem conhecidos actores espanhois, nados aquel em Ciudad Real, esta na província de Saragossa.

3 José María LEMUS (1911-1993), militar e político, presidente que foi de El Salvador, derrocado (1960) antes de finalizar o seu mandato, por ter actuado progressistamente,  morrendo no exílio, tendo alcançado grande prestígio internacional.


4 Carlos LEMOS Simmonds (1933-2003), avogado, escritor e diplomata, brevíssimo presidente de Colômbia.

xoves, 12 de decembro de 2013

O agonio do sol e os ollos de santa Lucia.


O sol cada día dura menos sobre o firmamento, semella que chegará o intre no que desapareza e iso non o quere ninguén, polo que os gregos celebraban estas datas con todo tipo de invocacións ó astro rei, que axiña herdaron os romanos co nome de Agonio do sol indixente. E en tal celebración (sobre o once de decembro), os devotos arroxaban unha xugada de cabalos ó mar como galano a Poseidón, pero este, apiadado dos problemas dos fieis que vían como o sol cada día ía máis baixo, decide cederllos a Apolo co fin de que renove ós do carro en que transporta o sol pola bóveda celeste.
Cando chega o cristianismo ás terras do imperio, tratando a todos os deuses do Olimpo e arredores de impíos, endemoñados, mentireiros e corruptos, amosa ós crentes romanos a unha santa moi guapa, moi lista e moi atrevida á hora de expoñer as verdades da súa fe, negándose a casar cun mozo da nobreza que, segundo ela, só ía detrás da súa fortuna, co que, antes de rexeitalo repartiuna entre os pobres.
Tal actitude non lle gustou ó prometido, quen a denunciou por tola, e entón foi arrestada, torturada e martirizada para que deixase de xustificar a súa actitude proclamando a súa fe en Cristo, e cando os verdugos lle sacaron os ollos que ela porta nunha bandexa, proclamou que agora vía mellor ca antes porque vía coa luz da fe, sen que nada mundano distraese a súa mirada. E aínda que, cientificamente está demostrado que se engana o refrán cando proclama “Por santa Lucía morre a noite e medra o día”, seguimos proclamando tal sentencia para indicar que axiña, a luz vencerá ás tebras. A relixión refírese ó próximo nacemento do Fillo de Deus, e os paisanos teñen presente o solsticio, ese punto de inflexión a partir do que os días lle irán gañando segundos á noite.

E fixámonos nesta imaxe de Padrón, onde a santa gardando fidelidade á narración haxiográfica amósase como unha dama fidalga galega, tanto na riqueza da vestimenta como nos adornos de xoiería. Viste a santa o mantón vermello das mártires e porta a palma do martirio xunto co prato onde repousan os seus ollos. O vestido é branco pola pureza da súa condición de muller virxe e adórnase como unha paisana do país cun medallón ó pescozo e os brincos das orellas.

mércores, 11 de decembro de 2013

A Pisa da castaña



            Quéixanse no Courel de que xa só se aproveita o dez por cento de toda a producción de castaña, cando antes era a dieta diaria de persoas e animais, para os da casa e para vender.
            Se hoxe en día se lle pregunta ós rapaces (e non tan rapaces) polas castañas, poucos nos dirán algo máis ca que se toman asadas, e aparte dos magostos, incluso moitos maiores esqueceron que se cocían con auga e unhas ramiñas de anises, que se cocían en leite, que se remollaban en mel para tomar de sobremesa ou de simple lambetada, que se cocían no caldo, acompañaban o cocido e ata o bacallao, e sobre todo, que as castañas colleitadas no outono conservábanse durante todo o ano para todos estes mesteres e algún máis. E se facemos memoria aínda lembramos nas tendas dos pobos o saco de castañas curadas, que se vendían por quilo, duras e peladas, para algunha exquisitez culinaria que se perdeu coa memoria de nosas avoas.

            E é que unha das formas de conservación pasaba por afumalas nos sequeiros, para que a pel e a cáscara se soltase máis doadamente, logo, estas castañas secas, envolvíanse en trapos e golpeábanse contra un tallo ata que soltasen toda a casca deixando a castaña limpa e lista para gardar e consumir. Esa é a Pisa da castaña, un labor que os novos tempos converteron en festa, para amosarlle a propios e forasteiros o que noutro tempo era común e necesario para asegurar a fartura de cada casa.

               Agradecémoslle a Juan Carlos Brenlla que nos cedese as fotos para este artigo.

COA MÚSICA Á OUTRA PARTE


Por Pepe de Rocaforte
            O meu contacto coa boa música empezouse a producir tarde, mal e arrastro.
          Recordo de neno, cando ía á festa da aldea, asistir ó concerto das bandas de música despois da misa grande. O repertorio tiña un pouco de todo, e na parte central sempre se ofrecía a interpretación de “El sitio de Zaragoza”. Os petrucios atendían serios, con arrandeos aprobadores de cabeza, cando soaban aquelas trompetas e aqueles tambores que case che facían ver os heroicos move­mentos de tropas sitiadoras e sitiadas.
            Logo, na radio, tamén escoitaría outras pezas de altura, a “Danza Ritual del fuego”, do “Amor Brujo”, “En un mercado persa”, ou o Intermedio de “La leyenda del beso”. Así puiden saber da existencia dunha música máis “culta” e saber que había outras cousas á parte de “A saia de Carolina”, “La Conga”, ou o “Cocidito madrileño”.
            Moito tempo máis tarde, escoitando despois de xantar un programa co título de “Clásicos Populares” en Radio Nacional, puiden oír por primeira vez as explicacións e as invitacións a escoitar a chamada música clásica. Dirixía aquel programa un tal Fernando Argenta e da súa man empezaron a chegar ós meus oídos as “Fugas” e os “Oratorios” de Bach, as poderosas sinfonías de Beethoven, ou a alegría ingrávida da música de Mozart.
            Sen nunca falar con el nin telo visto nunca diante, Fernando Argenta empezouse a converter nun dos meus mellores amigos. ¡Canto aprendín e canto disfrutei cos seus programas!
            Agora chégame a noticia da súa morte. Disque marchou coa música á outra parte de onde non se volve. Pero non, el sigue aquí, na miña cabeza, e se xa non está no mundo dos vivos, deixa con nós a música con que tantas veces me fixo feliz.

            Moitas gracias, Fernando, e que a Eternidade che sexa leve.

luns, 9 de decembro de 2013

A Durmiñona

    
Por  Pura Tejelo

                                A Durmiñona nace como unha recreación da escultura que figura no cabezal da fonte sita no fermoso enclave do mosteiro das Ermidas, en Terras do Bolo. Mais, a Durmiñona existe (o poema) porque hai un soño en Galicia non realizado.   

 
                   Terras do Bolo.                Acuarela de Marisa Rodríguez


Estancouse o tempo nos ollos pechos da Durmiñona.
Un tempo fuxido polo cano de auga traslúcida
parouse na túa faciana nova,
no ancorar dun sono senlleiro.
Que  coloración terá o teu ollar baixo?.
Serán doas ameladas,
bicar das oliveiras,
augación do río Bibei que relouca aos teus pés?.

Hai un lentor solaz,
unha forte sombra de catro e media
no morar refrescante da fonte
que verque fíos de son
pola boca en billa de monstro en vixía.

Que preguiza, sequeira ou enfeitizo,
que ausencia fixo deitar ,
galana, o teu corpo entesado?.
Ningún vento remuiñador bate as túas saias,
cóbado fráxil no bico da ola,
man fina na meixela soñadora.
Non hai sentir  que encha o teu cántaro.
Acaso acordes no canto do segrel namorado
que probe  o grolo desexado
na mesma boca da besta.

Namorouse de ti un deus
que fai que durmas
para conservar intacta a túa beleza ?
Que sabia voltarás
zugando os pensamentos dos que te bebimos!.

Bela Durmiñona
non hai morte
hai espera.

Non confíes o segredo á auga.
Dúrmenos, compañeiros do teu sono,
fada, ninfa, dama.

Baixo a cúpula cega de estrelas
tórname contigo, Durmiñona,
para ser testigo do teu espertar.    

Os sequeiros


Hoxe abandonados e cubertos de vexetación, son estes unhas construccións tradicionais naqueles lugares onde abundan os soutos e onde a castaña formaba parte principal da dieta, onde eran afumadas para apurar o proceso de secado.

Os sequeiros son unhas edificacións de dúas plantas, que tanto poden estar cerca da vivenda como no mesmo souto, e neste da foto, propio das terras da ribeira do Sil, hai dúas entradas, aproveitando o mesmo terreo. No piso alto, onde as castañas son esparexidas, o chan é de madeira, coa particularidade de que cada listón é de perfil triangular con un dos vértices cara abaixo e non se une un ó outro, senón que deixa entre eles unha pequena físgoa para facilitar o secado. Mentres que o piso baixo é de chan térreo, onde se queiman toxos, uces e outros arbustos co fin de que o fume suba a través das físgoas do sollado para acelerar o secado das castañas, que van ser parte dos principais pratos cociñados, e incluso, o galano preferido do Apalpador.

domingo, 8 de decembro de 2013

A Inmaculada

        
   Desde o concilio de Efeso, celebrado en tempos do papa Celestino I, no ano 431, xa se tiña definida a maternidade da Virxe e a condición divina da mesma, para remarcar que Cristo era Deus e ela nacera libre de todo pecado, e por iso se representa pisándolle a cabeza á serpe que tentou a Eva ofrecéndolle unha mazá.

Mais, a pesar diso, a Inmaculada Concepción é un dos dogmas máis modernos da Igrexa, pois foi declarado, como tal, o 8 de decembro de 1854, por medio da bula Ineffabilis Deus do papa Pío IX, dándolle así carta de legalidade (entre os crentes) a aquilo que xa se tiña por verdade absoluta desde os primeiros anos da cristiandade, que a Virxe naceu libre do pecado orixinal, e para corroboralo, o papa coroou a imaxe de Nosa Señora cunha coroa de ouro.
E como tal nai divina, tamén chamada a Nosa Señora da O, represéntase algunhas veces embarazada ou con algo de barriguiña, vestida de azul celeste e co branco da pureza, ás veces tamén cun sol á altura do ventre, coas mans xuntas en actitude de obediencia, agardando o momento de dar á luz. E esta data do 8 de decembro tamén foi sempre a data do día das nais, unha celebración que as imposicións comerciais trasladaron a maio, para non xuntalas cos gastos do Nadal e dos días dos nenos.

A data para esta celebración estaba moi ben buscada, pois estamos ás portas de celebrar o nacemento do fillo de Deus, pero tamén serve para borrar a lembranza daquela Bona Dea que festexaban os romanos nestes días.

xoves, 5 de decembro de 2013

O “TAPEO” ¿TAMÉN É CULTURA?


Por Pepe de Rocaforte

            Nestes tempos non debería ser noticia a desaparición dunha cervexería, aínda tratándose dunha das máis populares da Coruña, coñecida mesmo fóra do ámbito galego polas súas tapas de tortilla, carne asada, chourizo, etc. e pola particularidade de ter máis clientes tomando de pé a súa consumición no exterior do local que dentro del. Refírome a “La Bombilla”
            A Coruña non é unha cidade onde os bares sexan especialmente xenerosos á hora de incluír sen incremento do prezo uns pinchos coa bebida solicitada polo consumidor (tampouco este é o caso da “Bombilla”, todo hai que dicilo) e xa nos gustaría que se estendese na cidade o exemplo dos filantrópicos bares santiagueses, onde é raro o que non sirve automaticamente variedade de pinchos sen incremento no prezo da bebida solicitada.

            Pero de calquera xeito, a desaparición, ou no mellor dos casos o previsto cambio de titulares, da “Bom­billa” a partir de primeiro do ano próximo, non deixa de ser unha mágoa e sería desexable que o servicio actualmente ó seu frente procedese á apertura dun novo local, como parece ser a súa idea.
            Como precedente temos o caso da desaparición do “Otero”, compensada no seu día pola apertura nas súas proximidades do “Real”, onde un dos antigos socios continúa ofrecendo as saborosas tapas de calamares que lle deran sona ó anterior.
            Esperemos que co actual persoal da “Bom­billa” suceda outro tanto, sempre que atopen un local próximo e axeitado, onde os propietarios non se “suban á parra” a hora de sinalar o aluguer e os consumidores poidamos seguir disfrutando das súas saborosas e abundantes tapas. Porque o “tapeo” tamén é cultura.

            Ou polo menos así mo parece a min.

mércores, 4 de decembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.

                                                                


Chronométrie de Jules Andrade
          Por UM-DO-CHAO.

ANDRADE/ANDRADA.

O apelido.

       Apelido toponímico absolutamente nosso, como que tal topónimo está situado no concelho de Pontedeume (feudo tradicional dos condes de Andrade, ver apelidos Freire e Pardo), é pasmoso o que polo mundo adiante se deseminou. E tem a variante, mais portuguesa, ANDRADA (aí está o pai da independência brasileira, JOSÉ BONIFÁCIO, a secas, que se chamava J. B. Ribeiro de ANDRADA e Silva de seu nome completo).
Em quanto Eligio Rivas o fai derivar de Andraldus, Méndez Ferrín sugire um original Andreatus, em ambos os casos de procedência germánica (sueva)… e um nom pode evitar recuá-lo até o grego Andréas (home) que está na raíz de palavras como andrógino ou poliandria.

As personagens.

Futbolista Andrade
1 Olegario Víctor ANDRADE (1839-1882). Argentino nado circunstancialmente no Brasil, poeta tradicionalista muito popular nos países do Prata.

2 Ignacio ANDRADE (1839-1925). Venezolano. Militar e político foi presidente da República no breve período 1898-1899.

3 Jules ANDRADE (1857-1933). Francês. Matemático e posteriormente cronometrólogo e relogiólogo, professor universitário na Bretanha (Rennes), de onde foi removido por ter encabeçado um movimento em defensa do condenado (e finalmente absolvido) Dreyfus, affaire político-judicial que comovéu a opiniom francesa durante quase umha década.

Jorge Carrera Andrade
4 José Leandro ANDRADE (1898-1957). Uruguaiano, verdadeira lenda do fútebol mundial desde a década do 920, que os franceses alcumarom La merveille noire… morrendo na miséria; seguindo os seus passos o sobrinho Víctor Rodríguez ANDRADE (1927-1985), campeom de Maracaná. Queremos salientar como os apelidos galegos mesmo podem ser portados por gentes doutras étnias, tal o caso destes dous pretos… e é que os seus ascendentes seriam escravos dalgum Andrade (ao lhes darem o apelido, os donos estavam marcando a propriedade desses objectos ou mercadorias).

5 Jorge Carrera ANDRADE (1903-1978). Equatoriano. Poeta e ensaísta considerado o mais importante do século no seu país, trascendendo a Hispanoamérica toda.


martes, 3 de decembro de 2013

O sol nas montañas


        
Sempre se pide aquilo que escasea, porque o que abunda xa o temos, e nos Ancares, onde os invernos son máis duros ca noutros sitios, o sol é un ben desexado, e simbolicamente representado para invocar os seus benévolos raios, por iso nos fixamos hoxe nesta rosácea e tetrasquel que adornan e protexen simbolicamente algunhas propiedades da bisbarra.
            Tense escrito moito sobre a simboloxía real das rosáceas, como símbolo cósmico, tal vez un dos símbolos máis repetidos no noso país, interpretado como unha representación da grandeza do universo, que desde un só punto, repetindo unha e outra vez a mesma forma circular en distintas direccións pode estenderse ata o infinito, outras veces, cando se representa nun edificio relixioso (no románico sobretodo), interprétase como a figura de Cristo como centro do universo e todo o abranguido por El, ata esta máis indicada para este caso en concreto, como representación do sol estendendo os seus raios para chegar a todos os puntos. Como queira que sexa, das rosáceas habemos de falar moitas veces nas distintas ocasións en que se representa.
            Atopamos pois esta singular incrustación dunha rosácea nun hórreo de Navia de Suarna, e tamén en Navia esa outra rosácea que alguén puxo nunha porta, e por iso nesta ocasión, a asociamos ó sol, tras ver, preto destas esoutra gravación nas madeiras dun piorno do Piornedo, onde sobre un tetrasquel, aparece un sol con rostro humano pero triste, unha clara invocación a un ser solemne, polo de serio, pero tan necesario que aí está, formando parte do hórreo, invocando a súa luz e calor.


luns, 2 de decembro de 2013

A Bona Dea ou a Boa Deusa.


            Hai dúas versións sobre a identidade desta Boa Deusa ou Bona Dea, exemplo de pureza e submisión a quen os romanos festexaban durante a primeira semana do mes de decembro.
            Segundo din algúns mitólogos, a Bona Dea era a esposa de Fauno, o deus protector dos bosques, aquel que ten pezuños de cabrón, falo erecto e orellas en punta, cuxa imaxe foi tomada para representar ó demoño dos cristiáns. E se el era un pouco petellón coas ninfas e doncelas que atopaba, ela era unha esposa mesurada, cauta e ata casta, cousa que nunha esposa non queda aló moi ben. Sen embargo, debía ser do agrado do marido, pois mentres ela ficaba na casa el podía refocilar polos campos.
            Máis sucedeu un día que á boa muller deulle por probar un pouco de viño e fóiselle a boca nel, de tal maneira que cando o esposo chegou á casa atopouna contenta de máis. E como tan inesperada actitude en muller tan moderada o colleu de sorpresa, cunha vara de mirto golpeouna ata causarlle a morte.

            A outra versión di que ela era unha filla de Fauno, con quen el quería fornicar, e por iso a emborrachou con viño, máis, como a pesar diso ela non cedeu ás intencións do deus, este golpeouna cunha vara de mirto ata que os dous se metamorfosearon en serpes, e desde entón o mirto foi considerado símbolo do amor erótico, e por iso o portan Venus e Afrodita.

domingo, 1 de decembro de 2013

Polo Nadal frío cordial.

Luz e cruces
  
Cruz dun hórreo bergantiñán
          Decembro é un mes frío, ventoso e escuro, pero asemade, sempre foi considerado un mes de renacenza e de esperanza. É o mes dos días máis curtos de todo o ano, pero tamén cando empezan a medrar, e por iso, se os exipcios festexaban a Nun, o protector das terras do Nilo, que tomaba a forma dun touro que porta o sol entre os cornos, na nosa cultura europea celebramos o nacemento de Cristo, como os romanos celebraban o nacemento de Mitra, ambos chamados a luz da vida polos seus seguidores, pois ambos nacen en pleno solsticio, cando o día lle gana horas á noite, ambos nacen nunha escura e fría cova, e asemade ambos son adorados polos máis altos astros do ceo e polos máis pobres pastores.
Hórreo de Oroso
            O refraneiro advirte que Polo Nadal cada ovella ó seu curral, pero tamén que Cando o Nadal nada sinal de boa anada. Son advertencias doadas de entender.
Cruz antropomorfa nun hórreo de Rañobre, Arteixo
            Pero por volver a esas reflexións sobre a duración do día e a importancia do sol, tanto no anímico como no metereolóxico, no relixioso como no traballo de cada día, fixámonos na simboloxía que vemos nos hórreos, onde as crenzas populares conviven en igualdade, e atopamos as cruces tantas veces revestidas con elementos precristiáns, tal ese círculo que en tantas ocasións aparece no cruce dos brazos, como representación clara dun sol, tantas veces incluíndo incluso os raios do astro, como nesa cruz dun hórreo bergantiñán, pero outras veces, cando a poética do canteiro busca máis elaboradas formas de expresión, fura o cruce dos brazos, para deixar pasar a raxeira solar, tal neste hórreo de Oroso, onde se representa o postulado evanxélico de que Cristo é a luz da vida, e onde, pola orientación, deixa pasar os raios do atardecer; ou ese outro de Arteixo, onde vemos a lúa a través do oco da cruz. Neste caso unha icona con figura antropomorfa.

            Como queira que sexa, son invocacións á luz que este mes en concreto, vai cobrar protagonismo a partir do mesmo solsticio, para o que os fastos e os festexos xa nos van preparando desde o primeiro día do mes.

venres, 29 de novembro de 2013

Santo André de Teixido


  
          Tíñalle que ter moito cariño o santo á súa sardiñiña para que despois de deixar a súa barca medio afundida fronte ós cantís de Teixido, onde aínda se lle ve a proa emerxendo das augas, puidese chegar a terra e subir toda esa costaneira sen devolvela ó mar. Ou moita era a fame ou moito de agradecer a doazón, se é verdade o que nos di a cantiga:
            O Divino santo André
            Ten a sardiña no cinto
            Que lla deu un mariñeiro
            Que andaba no mar perdido.
            E será ou non será, porque os pescos xa todos sabemos que son moi mentireiros, e se no mar, cando alguén se lle acerca e lle pregunta que tal sempre se queixan de que non pescan nada, en terra sempre barballan de coller peixe para dar e tomar, e á fin, santo André tamén era pesco e algo saberá de botar redes como sabe de facer favores.
            Ó santo acoden as mociñas casadeiras:
            Ó santo André de Teixido
téñeno de venerar
as rapaciñas solteiras,
se logo queren casar.
            Ou:
            Teño que ir ó santo Andrés
que se venera en Teixido,
e levarlle unha limosna
se consigo un Andresiño.
            Tamén van a el os matrimonios infecundos, que tras a pertinente oración, han de
procurar a fecundidade nalgún lugar próximo ó santuario. Para que a saúde volva ó enfermo, procúrase o contacto coa roupa do santo. Os ofrecidos que estiveron cun pé na Outra Vida, ofrecen o cadaleito que non chegaron a usar, e para os que buscan a cura tamén se lles pon o santo, unha imaxe máis pequena que o sancristán pon sobre os ombros e a cabeza do ofrecido mentres recita a oración:
            O santo que che deu a enfermedá
que che dea a sanidá,
polo poder que Deus ten,
e santo Andresiño tamén.
            Déixanse exvotos de cera, fotos dos penitentes, obxectos que identifican ó devoto ou á causa do pedido; e a xente sae dalí unhas veces contenta e outras non tanto, uns agradecidos e outros... Neste mundo hai de todo e tamén os hai  envexosos como aquel que marchou botándollas arrevesadas:
            Adeus, Sandrés, adeus,
            coa túa sardiña de prata
            que pescas ti máis desde terra,
           ca eu coa miña tarrafa.

MUSEO DOS OLEIROS


por Pepe de Rocaforte

As Torres
            No concello de Oleiros, cunha situación xeográfica privilexiada, cóidase de xeito moi acep­table a calidade de vida dos veciños. Abondan os espacios verdes de dominio público, parques, xardíns, prazas, instalacións deportivas, piscinas, ximnasios, etc. E tamén as de tipo cultural.
            Entre estas últimas destacaría o Museo dos Oleiros, na localidade de Santa Cruz de Liáns, “un pequeno museo”, dise na páxina web de Turgalicia, “situado no pazo As Torres. A colección provén dos fondos privados achegados polo matrimonio José María Kaydeda e Teresa Jorge, coleccionistas afeccionados ao traballo de olaría”.
Cerámica de Niñodaguia
            Santa Cruz de Liáns conta con tantos atractivos paisaxísticos e hosteleiros, que pouca xente da que visita o lugar lle dedica unha parte do seu tempo a facer un percorrido por este museo situado nas Torres de Santa Cruz, a pouco máis de trescentos metros da illa onde se encontra o supervisitado Castelo.
            Alí pódense ver olarías de Buño, de Niñodaguia (Ourense), Bonxe e Gundivós (Lugo), Bailén, Lucena, Úbeda, Coimbra e moitas outras localidades de toda a península. Todo eso gracias á doazón feita por José María Kaydeda da súa colección, considerada entre as mellores e máis com­pletas de España.
            Por certo, para quen queira saber algo máis sobre Kaydeda recoméndolle esta interesante dirección en internet, pinchando Aquí.
     E despois achegarse a Santa Cruz para visitar o Museo dos Oleiros.

A fonte, o pan e os papeis de solicitude


Xa temos todo o que hai que ter para acadar a gracia do santo. Xa viñemos, vivos ou mortos co noso corpo ou co prestado envoltorio dun réptil, xa deixamos constancia do noso paso polo camiño de Teixido depositando algunha pedra nalgún dos seus amilladoiros, xa demos esmola ós pobres, escoitamos misa, comulgamos, deixamos o noso exvoto, mercamos o ramo da boa fortuna, proclamamos a nosa fe, pero, como son tantos os pedidos que o devocionado santo recibe cada día, e nunca se sabe se estamos na lista dos favorecidos ou se o noso pedido se vai perder nalgunha gabeta sen chegar ó seu destinatario, e entón, antes de insistir, para ver que posibilidades ten o noso, baixamos ata a fonte do santo, onde despois de beber dalgún dos seus canos (a pesar de que ten a advertencia de que non é potable esta santa auga), preguntámoslle se o pedido que nos trouxo ten vías de solución e vai ser atendido, e para atopar a resposta deixamos caer un anaco de pan do pío da fonte, e se este se afunde é síntoma de que a divindade non ten propósito de cumprilo, pero se non, se flota, o pedido será cumprido. Máis aínda, sexa cal sexa o prognóstico, non estará de máis acercarse ó cantil e alí, fronte ó incerto mar, deixar a solicitude por escrito. Algúns déixana envolta en plásticos ou dentro dunha bolsa, para que, se o santo non ten tempo a ler todas, non se extravíe nin bote a perder o papel por mor da brisa mariña mentres agarda a súa quenda.


            
Os papeis e bolsas de plástico enchen o espazo que fica preto do cantil, penduradas das ramas das árbores e dos mesmos valados das fincas.
   Son moitos, sen embargo, os méritos que ó santo lle atribuén de palabra e con cantares

xoves, 28 de novembro de 2013

Herba de namorar


    
        Ese outro elemento que forma parte do ramo de santo André é a herba de namorar ou o caravel mariño, unha planta que nace nestes duros cantís escollidos polo santo André para descansar, practicamente sen terra que a alimente, aí onde a serra da Capelada se mete ó mar sen agardar un chanzo para repouso, onde a semente cae en pedra e como di o evanxeo, en pedra non medra, por onde a pesar de todo o santo soubo subir coa súa sardiña pendurada do cinto, indicando que aquí neste agreste mar, entre estas ondas bravías a vida florece, e florece esa herbiña que serve para simbolizar a forza dos namorados, que con pouco máis ca unha mirada xa os alimenta.
            A herba de namorar
            a herba namoradeira
            a herba de namorar
            lévocha na faltriqueira.

E logo de cumprir con todos os requisitos, imos botar sortes coa fonte, o pan e os papeis de solicitude

mércores, 27 de novembro de 2013

O ramo do santo e os sanandreses


  
          O peregrino pode ter o seu caxato para acompañarse durante o camiño, pero o verdadeiro, o que lle serve para camiñar e andar pola vida vai atopalo cando chegue ó santuario, feito con varas de abeleira adornadas con ramiñas de teixo, evocadoras do nome do lugar, a herba de namorar e os sanandreses. Elementos protectores todos eles que son o mellor apoio para enfrontar os reveses que saen ó paso.
            Son estes últimos, os sanandreses, unhas figuriñas feitas de pan amasado sen levedo, como era o pan que os xudeus tomaron a noite antes de abandonar a escravitude e partir cara a Terra Prometida. Mais estes pans do santo André non se comen, son amuletos da boa sorte que manteñen o seu poder protector durante anos, pois é pan que non se bota a perder, ó que lle dan forma con diferentes figuras relacionadas coa haxiografía do santo e co seu santuario, que logo se colorean.

            Un bo ramo de sanandreses debe levar ó menos sete figuras, tales como a cruz en aspa ou cruz de santo André, a sardiña que aínda que a cantiga di que lla deu un pesco foi pescada polo santo que tamén era pesco, a escada de Xacob, símbolo de ascensión ó paraíso, a rosa ou herba de namorar, a barca, en que o santo percorreu o feroz mar para chegar a este abrupto pero santo lugar, a man, que apoia e axuda, unha esquemática icona do apóstolo e a pomba da esperanza e da fartura.

            Con todo pendurado da rama de abeleira, colocado na cabeceira da cama ou nun destacado lugar da casa, toda a familia se sabe protexida polas forzas da divindade.
   E para protexer o amor, principio e fin de todo ben estar, a herba de namorar

martes, 26 de novembro de 2013

Teixido queda lonxe


            Santo André era ciumento segundo intuímos polas lendas, pois cando Xesús lle indicou onde había repousar, el reclamou que, sendo tan fiel como os demais a Pedro deulle a capital do mundo e a Santiago a meta de todos os peregrinos, por iso o daquela promesa do mesmísimo Fillo de Deus, de que a el virá de morto quen non veña de vivo, ou se lle facemos caso ó pareado:
Quen de vivo non veña un vez
ha de vir de morto tres.
            E lonxe ben lonxe é o seu santuario, porque ata o étimo da palabra, talvez teixo por agreste e escuro, remítenos ó Hades, reino de ultratumba a onde sempre hai que ir queiramos ou non, e por iso se non se vai de vivo haberá que ir de morto, reencarnados nalgún réptil, como ían os heroes gregos á Acrópole en forma tamén de bechos, se non foran de vivos, para renderlle homenaxe a Atenea.         
             Queda lonxe santo André de Teixido, por iso ten tanto valor visitalo, tal e como o proclama a cantiga:
            Sete días hai que ando
            e seis noites que non durmo
            por ir cara ó santo André
            que está no cabo do mundo.
            E como ir hai que ir e a ninguén lle gusta reencarnarse en becho que arrastre a barriga, os familiares daquel que fixera promesa de visitalo e non puido, van por el, deixando no coche o sitio do finado para que a súa alma o ocupe, chamando por el cando saen da casa, invitándoo a baixar do coche cando se fai algunha parada ou cando se volve ó vehículo, “Mi padre, veña comigo”. E así xa non se ha de reencarnar a alma no corpo dalgún réptil, pero por aqueles finados que non teñen quen os leve, habemos de poñer coidado de non danar os lagartos que atopamos no camiño, quen sabe se non son a alma dalgún veciño.
            E hai que ir por terra, que tampouco vale facer a peregrinaxe de calquera xeito nin con intencións crematísticas, como di aquela muller a modo de desculpa:
Ó santo André de Teixido
fun coa cesta na cabeza,
fun por mar e vin por terra,
o santiño mo agradeza.

            Tan lonxe queda Teixido dos camiños do mundo que ata a Vía láctea ou Camiño de Santiago chámase aquí o camiño de santo André. 
     Pero para o camiño da vida, que é polo que imos ó santuario, habemos de volver coa protección do ramo do santo e os sanandreses

luns, 25 de novembro de 2013

UM APELIDO. UM NOME.


                                                           Por UM-DO-CHAO.

FEIXÓO/FEIJÓ.

O apelido.
Benito Jerónimo Feijoo
Apelido, como Nóvoa ou Puga, muito ourensao, é de origem vegetal. Feixóo (o tradicional) ou Feijó (no português moderno, daí feijoada) é o fríjol/frijol castelhano, coas suas familiares na mesma língua haba, habichuela alubia, judía,  ou no hispanoamericano (do quechua), poroto e chaucha (a judia verde) ou bem o nosso fava (que dá favada e o apelido Fabal/Faval)… vindo feixoo etimologicamente do vocábulo latino faseolo, derivado a feixom/feijao… que, polo nosso analfabetismo no galaico-português, pronunciamos à espanhola, com dura jota castelhana (v.g. Rajoy)…
À mesma família de apelidos vegetais pertecem Ervelha (arveja, guisante, chícharo), Trigo (coincidente co espanhol), Alho, Milhos… e a razom da conversom destes saborosos fruitos em apelidos haverá que procurá-la em alcunhas medievais, mesmo com conotaçons sexuais (tam caras aos nossos cancioneiros de escarnho e maldizer).

As personagens.
            Por mais que adoitamos dar-lhe preferência aos nom galegos que levam os nossos apelidos, hoje nom podemos deixar fora ao cúmio da intelectualidade nossa do passado, tal o ourensao Padre Feijóo. Com el, pois, comezamos a relaçom.

1 Benito Jerónimo FEIJOO Montenegro (1676-1764), frade bieito e erudito, umha das figuras mais universais do seu tempo, como exponente dum racionalismo ilustrado, particularmente na sua obra Teatro Crítico Universal em numerosos volumes. Nom hai Feixoo no nosso país e fora dele que nom se diga parente do frade de Casdemiro-Pereiro de Aguiar. Convém sinalar para os curiosos que a sua sepultura se acha na igreja ovetense de Santa María de la Corte (habitualmente dizendo-se que está em Sam Vicente). Seria inadequado dar mais dados deste ilustre galego.
Samuel Feijoo

2 Santiago Vázquez FEIJOO (1787-1847). Uruguaiano, constituyente de 1830 (val dizer, um dos pais da primeira constituiçom do país), filho de pai de Campo Redondo-Ribadávia e mai de Sada), tamém foi ministro de Relaciones Exteriores da nacente república. Nunca figurando co seu segundo apelido, leva o seu nome o montevideano núcleo de Santiago Vázquez.

3 Bernardo Canal FEIJOO (1897-1982). Argentino, escritor do grupo portenho Martín Fierro (com Borges, Girondo…), foi presidente da Academia Argentina de Letras.


4 Samuel FEIJOO Rodríguez (1914-1992). Cubano, poeta e pintor autodidacta, fortemente comprometido coa realidade do seu país.