venres, 29 de novembro de 2013

Santo André de Teixido


  
          Tíñalle que ter moito cariño o santo á súa sardiñiña para que despois de deixar a súa barca medio afundida fronte ós cantís de Teixido, onde aínda se lle ve a proa emerxendo das augas, puidese chegar a terra e subir toda esa costaneira sen devolvela ó mar. Ou moita era a fame ou moito de agradecer a doazón, se é verdade o que nos di a cantiga:
            O Divino santo André
            Ten a sardiña no cinto
            Que lla deu un mariñeiro
            Que andaba no mar perdido.
            E será ou non será, porque os pescos xa todos sabemos que son moi mentireiros, e se no mar, cando alguén se lle acerca e lle pregunta que tal sempre se queixan de que non pescan nada, en terra sempre barballan de coller peixe para dar e tomar, e á fin, santo André tamén era pesco e algo saberá de botar redes como sabe de facer favores.
            Ó santo acoden as mociñas casadeiras:
            Ó santo André de Teixido
téñeno de venerar
as rapaciñas solteiras,
se logo queren casar.
            Ou:
            Teño que ir ó santo Andrés
que se venera en Teixido,
e levarlle unha limosna
se consigo un Andresiño.
            Tamén van a el os matrimonios infecundos, que tras a pertinente oración, han de
procurar a fecundidade nalgún lugar próximo ó santuario. Para que a saúde volva ó enfermo, procúrase o contacto coa roupa do santo. Os ofrecidos que estiveron cun pé na Outra Vida, ofrecen o cadaleito que non chegaron a usar, e para os que buscan a cura tamén se lles pon o santo, unha imaxe máis pequena que o sancristán pon sobre os ombros e a cabeza do ofrecido mentres recita a oración:
            O santo que che deu a enfermedá
que che dea a sanidá,
polo poder que Deus ten,
e santo Andresiño tamén.
            Déixanse exvotos de cera, fotos dos penitentes, obxectos que identifican ó devoto ou á causa do pedido; e a xente sae dalí unhas veces contenta e outras non tanto, uns agradecidos e outros... Neste mundo hai de todo e tamén os hai  envexosos como aquel que marchou botándollas arrevesadas:
            Adeus, Sandrés, adeus,
            coa túa sardiña de prata
            que pescas ti máis desde terra,
           ca eu coa miña tarrafa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario