Sempre se pide aquilo que escasea, porque o que abunda xa o
temos, e nos Ancares, onde os invernos son máis duros ca noutros sitios, o sol
é un ben desexado, e simbolicamente representado para invocar os seus benévolos
raios, por iso nos fixamos hoxe nesta rosácea e tetrasquel que adornan e
protexen simbolicamente algunhas propiedades da bisbarra.
Tense escrito
moito sobre a simboloxía real das rosáceas, como símbolo cósmico, tal vez un
dos símbolos máis repetidos no noso país, interpretado como unha representación
da grandeza do universo, que desde un só punto, repetindo unha e outra vez a
mesma forma circular en distintas direccións pode estenderse ata o infinito,
outras veces, cando se representa nun edificio relixioso (no románico
sobretodo), interprétase como a figura de Cristo como centro do universo e todo o abranguido por El,
ata esta máis indicada para este caso en concreto, como representación do sol
estendendo os seus raios para chegar a todos os puntos. Como queira que sexa,
das rosáceas habemos de falar moitas veces nas distintas ocasións en que se representa.
Atopamos pois
esta singular incrustación dunha rosácea nun hórreo de Navia de Suarna, e tamén
en Navia esa outra rosácea que alguén puxo nunha porta, e por iso nesta
ocasión, a asociamos ó sol, tras ver, preto destas esoutra gravación nas
madeiras dun piorno do Piornedo, onde sobre un tetrasquel, aparece un sol con
rostro humano pero triste, unha clara invocación a un ser solemne, polo de
serio, pero tan necesario que aí está, formando parte do hórreo, invocando a
súa luz e calor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario