Desde o
concilio de Efeso, celebrado en tempos do papa Celestino I, no ano 431, xa se tiña definida
a maternidade da Virxe e a condición divina da mesma, para remarcar que Cristo
era Deus e ela nacera libre de todo pecado, e por iso se representa pisándolle a cabeza á serpe que tentou a Eva ofrecéndolle unha mazá.
Mais, a pesar diso, a Inmaculada Concepción é un dos
dogmas máis modernos da Igrexa, pois foi declarado, como tal, o 8 de decembro
de 1854, por medio da bula Ineffabilis
Deus do papa Pío IX, dándolle así carta de legalidade (entre os crentes) a
aquilo que xa se tiña por verdade absoluta desde os primeiros
anos da cristiandade, que a Virxe naceu libre do pecado orixinal, e para
corroboralo, o papa coroou a imaxe de Nosa Señora cunha coroa de ouro.
E como tal nai divina, tamén chamada a Nosa Señora da
O, represéntase algunhas veces embarazada ou con algo de barriguiña, vestida de azul celeste e co branco da
pureza, ás veces tamén cun sol á altura do ventre, coas mans xuntas en actitude de
obediencia, agardando o momento de dar á luz. E esta data do 8 de decembro
tamén foi sempre a data do día das nais, unha celebración que as imposicións
comerciais trasladaron a maio, para non xuntalas cos gastos do Nadal e dos días
dos nenos.
A data para esta celebración estaba moi ben buscada, pois estamos ás portas de celebrar o nacemento do fillo de Deus, pero tamén serve para borrar a lembranza daquela Bona Dea que festexaban os romanos nestes
días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario