xoves, 28 de novembro de 2013

Herba de namorar


    
        Ese outro elemento que forma parte do ramo de santo André é a herba de namorar ou o caravel mariño, unha planta que nace nestes duros cantís escollidos polo santo André para descansar, practicamente sen terra que a alimente, aí onde a serra da Capelada se mete ó mar sen agardar un chanzo para repouso, onde a semente cae en pedra e como di o evanxeo, en pedra non medra, por onde a pesar de todo o santo soubo subir coa súa sardiña pendurada do cinto, indicando que aquí neste agreste mar, entre estas ondas bravías a vida florece, e florece esa herbiña que serve para simbolizar a forza dos namorados, que con pouco máis ca unha mirada xa os alimenta.
            A herba de namorar
            a herba namoradeira
            a herba de namorar
            lévocha na faltriqueira.

E logo de cumprir con todos os requisitos, imos botar sortes coa fonte, o pan e os papeis de solicitude

1 comentario:

  1. A herba de namorar podemos vela á entrada da Casa dos Peixes posta alí con fins decorativos. Así que xa non é patrimonio exclusivo de cantís e penedos das praias.
    Non ten usos máxicos para conseguir o amor da persoa querida?.

    ResponderEliminar