O sol cada día dura menos sobre o
firmamento, semella que chegará o intre no que desapareza e iso non o quere
ninguén, polo que os gregos celebraban estas datas con todo tipo de invocacións
ó astro rei, que axiña herdaron os romanos co nome de Agonio do sol indixente. E en tal celebración (sobre o once de
decembro), os devotos arroxaban unha xugada de cabalos ó mar como galano a
Poseidón, pero este, apiadado dos problemas dos fieis que vían como o sol cada
día ía máis baixo, decide cederllos a Apolo co fin de que renove ós do carro en
que transporta o sol pola bóveda celeste.
Cando chega o cristianismo ás terras do
imperio, tratando a todos os deuses do Olimpo e arredores de impíos,
endemoñados, mentireiros e corruptos, amosa ós crentes romanos a unha santa moi
guapa, moi lista e moi atrevida á hora de expoñer as verdades da súa fe,
negándose a casar cun mozo da nobreza que, segundo ela, só ía detrás da súa
fortuna, co que, antes de rexeitalo repartiuna entre os pobres.
Tal actitude non lle gustou ó prometido,
quen a denunciou por tola, e entón foi arrestada, torturada e martirizada para
que deixase de xustificar a súa actitude proclamando a súa fe en Cristo, e
cando os verdugos lle sacaron os ollos que ela porta nunha bandexa, proclamou
que agora vía mellor ca antes porque vía coa luz da fe, sen que nada mundano
distraese a súa mirada. E aínda que, cientificamente está demostrado que se
engana o refrán cando proclama “Por santa Lucía morre a noite e medra o día”,
seguimos proclamando tal sentencia para indicar que axiña, a luz vencerá ás
tebras. A relixión refírese ó próximo nacemento do Fillo de Deus, e os paisanos
teñen presente o solsticio, ese punto de inflexión a partir do que os días lle
irán gañando segundos á noite.
E fixámonos nesta imaxe de Padrón, onde a
santa gardando fidelidade á narración haxiográfica amósase como unha dama
fidalga galega, tanto na riqueza da vestimenta como nos adornos de xoiería.
Viste a santa o mantón vermello das mártires e porta a palma do martirio xunto
co prato onde repousan os seus ollos. O vestido é branco pola pureza da súa
condición de muller virxe e adórnase como unha paisana do país cun medallón ó
pescozo e os brincos das orellas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario