Quéixanse no Courel de
que xa só se aproveita o dez por cento de toda a producción de castaña, cando
antes era a dieta diaria de persoas e animais, para os da casa e para vender.
Se hoxe en día se lle
pregunta ós rapaces (e non tan rapaces) polas castañas, poucos nos dirán algo máis
ca que se toman asadas, e aparte dos magostos, incluso moitos maiores
esqueceron que se cocían con auga e unhas ramiñas de anises, que se cocían en
leite, que se remollaban en mel para tomar de sobremesa ou de simple lambetada,
que se cocían no caldo, acompañaban o cocido e ata o bacallao, e sobre todo,
que as castañas colleitadas no outono conservábanse durante todo o ano para
todos estes mesteres e algún máis. E se facemos memoria aínda lembramos nas
tendas dos pobos o saco de castañas curadas, que se vendían por quilo, duras e
peladas, para algunha exquisitez culinaria que se perdeu coa memoria de nosas
avoas.
E é que unha das formas
de conservación pasaba por afumalas nos sequeiros, para que a pel e a cáscara
se soltase máis doadamente, logo, estas castañas secas, envolvíanse en trapos e
golpeábanse contra un tallo ata que soltasen toda a casca deixando a castaña
limpa e lista para gardar e consumir. Esa é a Pisa da castaña, un labor que os novos tempos converteron en festa,
para amosarlle a propios e forasteiros o que noutro tempo era común e necesario
para asegurar a fartura de cada casa.
Agradecémoslle a Juan Carlos Brenlla que nos cedese as fotos para este artigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario